Duro desprazamento do Inelsa Solar Asmubal a Redondela, na estrea de Victoria Domínguez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

REDONDELA

MONICA IRAGO

As de Juan Costas deben poñer fin á súa pésima serie de derrotas

13 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño abre o 2024. Faino cun complicado compromiso, na cancha do SAR Rodavigo, a temida Bombonera, un dos escenarios con máis soleira do balonmán galego.

O equipo que dirixe Juan Costas está obrigado a gañar. Primeiro, por ter diante o oitavo clasificado, un conxunto redondelán cos mesmos 11 puntos có meañés, só que cun partido máis xogado ca este. Con todo, a urxencia do Asmubal vén dada fundamentalmente polo seu voo en caída libre desde que a lesión de Sofía Arangio para o resto da temporada se sumou á da vallisoletana Eli Méndez, dando pé a unha xeira de cinco derrotas nos seus últimos seis partidos do 2023.

Para tratar de endereitar o rumbo, o corpo técnico do Asmubal convenceu a central Victoria Domínguez de que volvese ao equipo que deixara ao termo da temporada 2021/22 ao marchar a estudar a Salamanca. Xogadora forxada na canteira do club meañés, Domínguez vén cubrir o posto baleiro polas lesións de Eli Méndez e de Sofía Arangio, se ben precisará de tempo para recuperar o ritmo de competición.

Juan Costas suma hoxe o inconveniente da tardanza na reincorporación da Cárol Ferreira das súas vacacións navideñas no seu país natal. Problemas co seu voo de volta de Brasil retrasaron a chegada da mellor pivote da Liga ata onte, cando se agardaba por ela o día 7.