Fin de semana

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

REDONDELA

XOAN CARLOS GIL

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As fins de semana cada vez se fan máis curtas. Non dá tempo a nada. Con tanto atafego, nin prender a televisión ou revisar con calma o xornal se pode.

Achégase unha e teño medo. Non polas encomendas, senón porque os domingos á noite adoito levar sorpresas desagradables, labazadas.

Que vou atopar? Unha muller asasinada polo seu home en Asturias, Canarias ou aquí. Como a que saíu da casa pedindo auxilio. Dúas mozas trataron de mediar, pero non puideron evitar o crime. Tamén pode ser un crime en Redondela, onde un veciño mata a outro co que tiña mala relación. Ou mozos acoitelados, como ocorreu en Córdoba por non querer compartir a súa bebida. Á beira de Barcelona, outro veciño é asasinado por molestar coa música á vivenda contigua.

As leas políticas non son nada. Custa poñerse ao día nas miudezas da vida, pero tragar con esta realidade afoga. E todo así, de golpe e sen máis. Sen previo aviso, porque está á orde do día, claro. Atemoriza.

En que momento se esqueceu que non somos donos de ninguén? Non nos pertencen as outras vidas. É inexplicable chegar a este punto, a un nivel descomunal de agresividade, de soberbia, de depravación. Asusta a deriva na que estamos inmersos e máis aterra non saber como freala. Seguramente, se todos e cada un de nós rebaixara o ton das súas esixencias, algo melloraría. Pero necesitaríamos unírmonos como pobo, asunto complicado, pois a diario sobran exemplos de egoísmo e individualismo. Oxalá sermos os primeiros en achegar cordura. Comezamos?