Fernando Pereira xa ten a súa rúa en Arcade

Monica Torres
Mónica Torres SOUTOMAIO

SOUTOMAIOR

cedida

Soutomaior recoñece ao alcalde que impulsou o primeiro Plan de Normalización Lingüística e a Festa da Ostra

26 abr 2025 . Actualizado a las 13:28 h.

A noite do 25 de abril tamén foi unha xornada inesquecible en Arcade. O Concello de Soutomaior rendeu homenaxe a Fernando Pereira, primeiro alcalde democrático do municipio, co descubrimento da nova placa da «Rúa da Coutada ? Alcalde Fernando Pereira» e cun emotivo acto posterior no multiusos.

Veciñanza, familiares e amigos acompañaron a celebración, xunto a figuras políticas como Gelo García, alcalde de Oleiros, e Luciano Sobral, rexedor de Poio. O alcalde actual, Manu Lourenzo, lembrou a influencia de Pereira na súa vida: «Fernando Pereira fixo que, con 16 anos, comezase a miña traxectoria política con amor e paixón». A música estivo presente coa interpretación do himno galego a cargo de Os Aghuaneiros.

O multiúsos acolleu o relatorio «Un pobo, un alcalde», moderado por Pepe Carreiro e con intervencións de Ánxela Sobral, Anxo Angueira e Anxo Quintana. Sobral definiu a Pereira como «un home bo e xeneroso que o daba todo a cambio de nada». Pola súa parte, Angueira destacou a súa implicación coa cultura galega, mentres que Quintana lembrou a súa visión urbanística e o seu compromiso coa participación cidadá: «Un goberno ten que gobernar coa súa veciñanza, sempre estando ao lado do pobo».

Fernando Pereira, alcalde entre 1979 e 1995, deixou un legado imborrable. Soutomaior, da súa man, converteuse no primeiro concello da historia en contar cun Plan de Normalización Lingüística, ademais de impulsar importantes infraestruturas e iniciar a emblemática Festa da Ostra, que hoxe segue a ser un sinal de identidade para o municipio.

O acto pechouse «como lle gustaría a Pereira», cun petisco entre todas as persoas asistentes, celebrando non só a súa memoria senón tamén o espírito comunitario que sempre defendeu.