A Escola de Gaitas de Lalín afronta o despegue final

Amelia Ferreiroa

VIGO CIUDAD

A Escola de Gaitas e Percusión, que promove a Deputación Provincial de Pontevedra en Lalín, abriu onte unha nova etapa. Arrancou o novo curso onte pola noite no auditorio lalinense coa presentación de mestres e alumnos, con asistencia do vicepresidente do ente provincial José Juan Durán e do director da escola Hipólito Cabezas. O acto inaugural serviu para explicar o funcionamento das aulas, comprobar tamén as listas de matriculados e comezar a distribuir os horarios. A deputación conta con centros destas mesmas características en Vigo, Pontevedra, Cangas e Vilanova.

A novidade máis importante na Escola de Gaitas e Percusión de Lalín de cara a este curso académico é o forte impulso que se lle pretende dar á escola, segundo explicou Hipólito Cabezas. A idea é conseguir que grupos de músicos -que se xesten no seu da escola- empecen a saír a dar concertos. Os alumnos poderán iniciarse, dende os seis anos, na aprendizaxe e perfeccionamento da técnica de instrumentos tradicionais nas clases que se celebrarán dous días á semán, tal como se instaurou xa no pasado curso. As clases levaranse a cabo todos os martes e xoves dende as 18.30 horas.

A escola conta con 48 matrículas formalizadas pero ate fin de mes, e sempre que queden prazas disponibles nos distintos grupos, os interesados aínda se poderán anotar. O director da escola voltou a lembrar que a matrícula é gratuíta e que non existe límite de idade para os adultos que desexen formar parte da escola. De feito, é salientable o feito de que haxa un importante número de persoas adultas matriculadas para este presente curso académico. Ao entender de Cabezas, débese a que as persoas de corenta anos -ou de máis idade- non se matriculan nun conservatorio xa que non están á procura dun título nin tampouco buscan unha saída profesional. Nese senso, dende a escola se convida a todos os interesados en achegarse ao centro ao non existir ningún límite de idade. Subliñou Cabezas que nunca é tarde para comezar, para iniciarse no mundo da música e ao ter certa idade e dispór de máis tempo é unha excelente oportunidade formar parte da escola.

Por outra banda a desaparición do Conservatorio de Música Folque de Lalín non lle afectou para nada á Escola de Gaitas e Percusión, recoñeceu o director do centro. Sentenciou Cabezas que no grupo de folque había moi poucos alumnos e non procedían de Lalín. O contrario sucede coa escola de gaitas que acolle a nenos e maiores da vila e doutras zonas limítrofes.

O peche do acto de presentación da nova aindaina da escola finalizou cunha interpretación musical que correu a cargo do equipo docente que se fará cargo das ensinanzas.