Alumnos da escola de verán de Xiria fixeron unha lectura dramatizada de «O Rei Portador e outras historias»
24 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O Rei Portador e outras historias é «un libro para nenos, rapaces e maiores, para aqueles aos que lles gusten as historias, teñan oito anos ou oitenta». Pero a esa descrición que fixo a súa autora, a carballesa Beatriz Fraga, onte, cando o presentou, podería engadirse que é un libro para ler en voz alta. De feito, a dramatización que fixeron tres alumnos da escola de verán de Xiria conseguiu que un cento de rapaces, tanto os que se sentaron entre o público coma os que tiveron que quedar de pé por falta de espazo, quedasen nos seus sitios e sen facer moito barullo.
A concelleira de Cultura, Mar Eirís, presentou á autora, profesora no colexio García Barbón de Vigo, tradutora e autora xa de dous títulos de literatura infantil. Beatriz Fraga, pola súa banda, converteu a súa intervención nunha historia máis das que integran O Rei Portador, e completou o relato cun agradecemento «ao traballo que fan os libreiros, difusores de cultura, ademais de comerciantes, que exercen ás veces de psicólogos recomendándonos libros».