Que se aprecia máis o de fóra que o propio descubriuno miña nai cando sendo un cativo fun invitado a xantar na casa dunha veciña e volvín loando a súa comida, as excelencias con que me mimou e ata a auga de beber, e como se puido comprobar posteriormente, aquela muller facía o polo con arroz igual que se facía na miña casa. Hai uns días puiden desquitarme con un seu neto: para o rapaz, o meu polo con arroz era unha gloria que nunca antes probara.
Sempre se valora máis o de fóra que o da casa, e ata cos regalos distinguimos á amante legal da ilegal, que se a aquela lle regalamos unha bixutería, para estoutra habemos de visitar a algún devoto de santo Eloi que nos aconselle en metais e pedras de alto poder relucente.
Pásanos así con todo. Preferimos os coches asiáticos antes que os de Vigo e o panettone italiano xa nin se compara co queique de Ordes. Nas artes outro tanto do mesmo. Calquera obra é máis apreciada se non vén asinada por un tipo que se apelide Fragueiro ou Carballo, a pesares de que estes tratarán o asunto de maneira máis próxima a nós.
Aí temos unha das estatísticas que se vai facer pública este mes, realizada en distintos centros educativos das catro provincias, pero da que xa nos chegou como anticipo que arredor do 80 % dos alumnos nunca ou case nunca escoitan música en galego, que prefiren o son dun banjo antes ca o dunha gaita, a demostración clara de como desde nenos aprendemos a infravalorar o propio. Na mesma enquisa tamén se di que a lingua vehicular no ensino de música é maioritariamente o castelán. E coma sempre que hai unhas estatísticas polo medio, vén a pregunta: E de quen é a culpa?
Cando facemos unha enquisa hai dúas maneiras de contestar: mentindo ou dicindo a verdade, pero tanto para unha como para a outra aínda hai unha maneira máis radical de expresar a resposta: dicindo o que sexa co orgullo e a seguridade de quen está na posesión da verdade absoluta. E iso aínda é peor, porque é un síntoma de ignorancia.
Cando se faga pública a devandita enquisa e se analicen os pormenores da mesma, así como as conclusións que esta aporta, xa veremos o que se nos propón á vista dos resultados, ou se polo menos van falar dela no parladoiro do Hórreo.
Do mesmo modo que non está mal que un rapaz saiba chapurrear de memoria unha canción en inglés, que non saiba cantar o Miudiño non deixa de ser un síntoma do pouco aprecio que temos polo noso, desa vergoña que nos impide recoñecer os valores do propio fronte ó resto. E non se trata de desprezar as outras músicas, senón de valorar cada unha na súa medida. A cuestión non é se son mellores os Rolling ou Tanxugueiras; cada quen no seu sitio e ambos apreciados con todos os sentidos.
Pasa coa música e pasa coa literatura. Cantos libros en galego se regalaron estas pasadas festas? E si, a min tamén me gusta Murakami ou Philip Roth, pero en galego vou encontrar, sempre, historias máis próximas á nosa realidade, historias que nos ensinan a ver e entender a sociedade da que formamos parte.