O Concello cataloga preto de 200 obras das coleccións municipais do pintor Colmeiro

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

O libro, do que se fixeron 300 exemplares, percorre dende 1924 ata os anos setenta

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os traballos de catalogación da obra de Manuel Colmeiro nas coleccións municipais foron realizados tratando coa obra fisicamente, coa revisión individual de cada unha delas nos espazos nos que se encontra depositada. Realizouse paralelamente un traballo de documentación de cada unha das obras que inclúe este catálogo. Este traballo atendeu a arquivos, catálogos existentes, documentación gráfica, bibliografía de referencia e baleirado hemerográfico», explica Beatriz Liz de Cea, autora dos traballos de catalogación da obra de Manuel Colmeiro, que foi publicada recentemente, nunha luxosa edición, polo Concello de Vigo. Son 300 exemplares que o goberno vigués pon a disposición da cidadanía, os museos, universidades, bibliotecas e o mundo da arte.

Este catálogo, deseñado por Carlos Álvarez, contén as obras de titularidade municipal adquiridas nos anos sesenta do século XX polo conservador do Museo Municipal Quiñones de León, Ángel Ilarri; as aportadas por doazón de Francisco Fernández del Riego; os tres murais que estaba no antigo Hotel Moderno; e as 166 obras cedidas pola familia do pintor nado en Silleda no ano 1901.

O catálogo está dividido en oito capítulos temáticos, que abranguen os retratos, a obra de estudio, o compromiso social e político, feiras e traballos, a muller, a paisaxe, a paisaxe con figura e a mitoloxía. Cada unha das pezas incluídas nestes capítulos ofrece, a modo de fichas técnicas, distintos apartados, como o título, a datación, as dimensións, a colección a que pertence, o número de inventario, as sinaturas, marcas e etiquetas, a forma de ingreso e a súa data, os dereitos de explotación, a historia do obxecto, a bibliografía correspondente e reprodución da propia obra. O catálogo se completa cun resumo de cada unha das obras a modo de contactos fotográficos.

Renovación da arte galega

O pintor Manuel Colmeiro (1901-1999) está considerado unha das figuras máis relevantes da historia da arte galega. Membro senlleiro do grupo d'Os Novos, participou activamente na renovación da plástica galega levada a cabo durante os anos 30 do pasado século XX. Dentro do grupo d'Os Novos, e posteriormente en toda a súa carreira, o pintor amosou marcada personalidade artística que, en permanente e coherente evolución, levouno a converterse en referencia ineludible da arte galega contemporánea.

O compromiso social e político amosado polo artista de Silleda provocou que, tras a sublevación franquista, tivese que exiliarse en Arxentina, onde residiu ata finais dos anos corenta da pasada centuria. Colmeiro deu o salto posteriormente a París, cidade na que viviu ata o ano 1989, cando decide regresar a Galicia.

XOAN CARLOS GIL

Das cerca de 200 obras pertencentes ás coleccións municipais, a peza máis antiga se sitúa no ano 1924. É unha escena portuaria feita a lapis sobre papel. Pola outra banda, A fuxida e o óleo máis recente das obras incluídas no catálogo ao estar datado na primeira metade da década dos anos setenta.

O catálogo, ademais do limiar asinado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, leva un texto do director do Museo Municipal Quiñones de León, José Ballesta, no que explica o proceso de adquisición das obras de Colmeiro pertencentes, nas súas diversas modalidades, ás coleccións municipais. «Ten vocación de ser arranque de proxectos máis amplos e ambiciosos para o futuro cos que divulgar o imprescindible creador que Colmeiro representa na arte contemporánea do noso país», explica no texto o director do museo municipal.

Tres exposicións

En xaneiro do 2020, o Marco acollía a exposición Espazos e encadramentos, comisariada por Carlos L. Bernárdez, na que se amosaba parte da obra de Colmeiro de titularidade municipal con outras pertencentes a coleccións privadas. Non tivo moita sorte aquel intento de relanzar a obra do artista xa que quedou truncado pola pandemia. Dous anos antes, a Pinacoteca Fernández del Riego amosaba as obras cedidas pola familia do pintor. Nos últimos quince anos aínda houbo outra exposición individual de Colmeiro en Vigo. Foi a que realizou, no ano 2011, a Galería Montenegro.