Nace Xa choveu, un espazo colaborativo para preservar a memoria de Galicia

Carmen G. Mariñas / Carlota G. L. / A. M. L.

XA CHOVEU

Turista con cámara de fotos
Turista con cámara de fotos MIGUEL VILLAR

O novo portal de La Voz recolle a historia de Galicia e a intrahistoria das e dos galegos. Envíanos aquí as fotos dos teus recordos favoritos para formar parte deste proxecto interxeracional

17 jun 2024 . Actualizado a las 10:38 h.

Como cambiaron as nosas localidades ao longo dos anos? Recordas as caras coñecidas que foron protagonistas doutras décadas? Que tendencias están de volta? En Galicia temos moito que recordar. Por iso, La Voz lanza o portal Xa choveu, un espazo onde recompilar as historias que foron noticia pero tamén as intrahistorias persoais dos galegos e galegas. A través dunha extensa hemeroteca e con novas entrevistas, reportaxes e xogos, será unha ventá ao pasado de Galicia

No centro estarán as e os lectores, que poderán achegar as fotografías dos recordos que queiran preservar e compartir a través dun sinxelo formulario. Ademais, se así o queren, poderán dar a coñecer os detalles das súas historias, para crear entre todas e todos a memoria colectiva de Galicia.

Que atoparás en Xa choveu

Desde comezos do século XX ata a década do 2010, Xa choveu reúne as historias da nosa xente, os nosos lugares, as nosas festas, as nosas costumes e fitos deportivos de profesionais e tamén afeccionados. O vertical contará cun espazo dentro da web de La Voz de Galicia, con noticias, reportaxes e entrevistas recuperando historias xa contadas e outras novas por descubrir. Tamén se incluirán xogos con elementos interactivos para poñer a proba os coñecementos sobre Galicia e descubrir máis información. 

Ademais, existe un portal propio onde poderás ver as túas fotografías cando se publiquen e explorar álbums e coleccións do teu interese e experimentar así unha viaxe virtual a través das décadas e dos lugares.

Xa choveu conta tamén con contido nativo en redes sociais, que se poderá atopar no perfil oficial de La Voz de Galicia en Facebook, X, Instagram e TikTok.

Como enviar as túas fotos a Xa choveu

Enviar as fotografías que tes na casa ou no móbil é moi sinxelo. Primeiro, inicia sesión co teu usuario no portal de Xa choveu. Despois, simplemente terás que cubrir este formulario aportando os teus datos persoais e información sobre as imaxes que queiras enviar. Aquí está o paso a paso:

 

Unha vez pasado o proceso de revisión, poderás ver as túas fotos e moitas máis no portal de Xa choveu.