A mostra de San Paio de Narla, en imaxes

En primeiro plano, tres manequíns recrean unha imaxe tomada en Santa María de Cabanela (Navia de Suarna): un leva unha sella sobre a cabeza; outro, mazarocas de millo, e a nena, un gran feixe de toxos e fentos. Ao fondo pode verse unha das fotos máis coñecidas de Ebeling, tomada en Santa María Magdalena da Pobra de Burón (A Fonsagrada), cunha muller que cobre a cabeza cun mandil de picote (mandil das costas).

Manquíns que recrean a vida, os oficios e a vestimenta das mulleres da provincia de Lugo que retratou hai cen anos o lingüista alemán Walter Ebeling

11 abr 2025 . Actualizado a las 12:25 h.
En primeiro plano, tres manequíns recrean unha imaxe tomada en Santa María de Cabanela (Navia de Suarna): un leva unha sella sobre a cabeza; outro, mazarocas de millo, e a nena, un gran feixe de toxos e fentos. Ao fondo pode verse unha das fotos máis coñecidas de Ebeling, tomada en Santa María Magdalena da Pobra de Burón (A Fonsagrada), cunha muller que cobre a cabeza cun mandil de picote (mandil das costas).
Cargando unha ola, en Láncara. Este manequín recrea unha imaxe tomada en Santa María de Vilaleo (Láncara) e mostra a unha muller cargando sobre a cabeza unha ola de barro, usada para gardar auga, viño ou aceite. A olería tivo unha grande importancia en Galicia.
A imaxe das lavandeiras era moi habitual naquela Galicia onde había que ir ao río lavar a roupa da casa. Estas mulleres de Mourisco (Santa María de Pacios, A Fonsagrada) lavan coas súas táboas as sabas de liño. Na súa vestimenta destacan os refaixos interiores que se poden observar ao estar coas saias arremangadas. Son dous refaixos de gancho, moi comúns daquela para se abrigar por baixo das amplas saias.
Neste parladoiro hai dúas mulleres conversando. A da parte posterior leva un traxe domingueiro do Empalme de Lanzá-Mesía con saia de picote negro. A outra loce unha lensa, reprodución dunha de Moncelos (Abadín). Leva no brazo o mandil de mostra para cubrir a cabeza na igrexa.
Ebeling deixou moitas imaxes retratando campesiños nas súas cociñas na Fonsagrada, Castro de Rei ou Guntín. Estas dúas mulleres destacan polos seus panos da cabeza: en beige e de seda, e floreado e de raión. Tamén contan con panos no pescozo: de percal e de meiriño.
Nun parladoiro da parte nobre da casa, dúas mulleres da comarca levan traxes domingueiros: a de diante, un traxe de Francos-Guntín, onde destaca a lensa, e leva sobre o brazo un mandil de mostra, que se usaba para cubrir a cabeza ao entrar na igrexa; e a de atrás leva unha reprodución dun traxe recollido na Barrela-Carballedo, cunha saia feita en picote raiado cuberta cunha raxeta, onde destaca a remonta de pano negro, que vai bordada, como a orixinal, coas iniciais da súa propietaria, R.R., e o ano de confección en latín tardío (anno 1903)
Neste cuarto, dúas criadas axudan a vestir á dona da casa, que leva unha chambra ou camisa antiga bordada e tres enaguas de algodón e liño con diferentes encaixes e bordados. A muller da dereita leva un traxe de Monterroso, e a da esquerda, un de Portomarín.
Muller campesiña de loito que volve á casa cargada co froito do seu traballo sobre a cabeza. Sobre o xibón leva un pano de la de meiriño cruzado sobre o peito para se abrigar. Na cesta leva gardado o mandil das costas de picote por se chovera ou arrefriase máis. A imaxe foi tomada en Santa María de Espasante (Hermida, Riotorto).
Estas dúas mulleres, fotografadas en Villabol de Suarna (A Fonsagrada), andan o camiño cunha vestimenta de decotío. A muller da esquerda destaca por vestir unha chaqueta ou xibón de pano (casaca) e na man leva unha vara. A da dereita leva un manto na cabeza, para un uso posterior ou para non estragalo, deixando as mans libres para fiar cunha roca de la e un fuso mentres camiña.
Este cuarto representa a vestimenta da clase máis acomodada. A muller leva un traxe de garda ou cerimonia de Cedeira (A Coruña). Porta un xibón de pano sobre o que pon un pano de seda adamascado e, sobre el, o dengue ataviado cun agremán. Tamén leva unha saia de pano vermello cuberto por un matelo de pano e veludo negro moi decorado. Cubre a cabeza cunha cofia de tule bordado. No berce durme un meniño vestido con roupa antiga da época.