O día que atopei un libro de Papá titulado «Aprenda Usted inglés en 10 días» botei unha gargallada e díxenlle, «llevas más de diez años en Londres y aún no aprendiste». Pero non era certo. Aínda non aprendera, sequera, o castelán na escola polo que o seu inglés tampouco era de libro. Pero el facía por aprender coa televisión nos seus ratos libres,co xornal a diario e falando cos seus xefes ingleses na hostalería. Pero sempre pronunciaba igual doctor e daughter,e cando me recollía no cole para levarme ó médico, eu sempre facía burla del.
Mamá controlaba máis o italiano. Tocoulle traballar con xente que me chamaba a piccola spagnola. Dicían que mamá falábao tan ben que parecía italiana. Eu presumía falando italiano coma ela para enganar a quen aínda non nos coñecía. No que si coincidían papá e mamá era en que eu tiña que estudar. Que para traballar coma burros xa estaban eles. Pasaron por casa varias profes porque Papá tiña claro que eu precisaba falar ben o castelán non o castrapo, e aprender as táboas de multiplicar. Así tiña eu un caderniño no que nunha folla podía haber un ditado e na seguinte unhas contas matemáticas. O 7x8 mailo 8x7 non o esquecerei na vida polas veces que mo fixo copiar a profe cando me equivoquei. E imaxino que ela aínda lembrará a miña resposta ó seu castigo, malsoante e multilingüe.
Se a nena quería mercar libros,non había problema. Cando pasou unha editorial polo cole de primaria, os meus compañeiros encargaron un libro ou dous, pero eu aproveitei e pedín unha ducia.As profes, preocupadas, chamaron a papá antes de facer o pedido, pero como era «para aprender», aínda que en realidade eran contos, papá aceptou.Iso si, a guitarra pedina todos os anos por Christmas e polo aniversario mais nunca caeu! Polas nosas bocas fluían os tres idiomas salpicados de italiano. Ós tíos, eles chamábanlles «fratello» e as miñas tías eran «xurelas», xogando coa palabra italiana sorella. Na secundaria era obrigatorio aprender francés, así que fun engadindo idiomas a medida que ía crecendo. E como nos menús da hostalería empréganse moitas palabras en francés,tamén servían para aderezar as nosas conversas na casa. Non é de estrañar, logo, que os meus discursos sexan unha mistura de todo iso que escotei nos meus anos de formación, e que cando desfogue, acordándome dos antepasados de alguén,o faga en moitas linguas.
María Gestal. Profesora. 55 anos. Oleiros.