Políticos en parapente

A MARIÑA

LA TRIBUNA | O |

02 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MONDOÑEDO ESTÁ TENTANDO promover o parapente, axudado por unhas condicións xeográficas que os expertos consideran moi boas; sen embargo, o tempo non sempre colabora e xa se suspendeu algunha proba. Mondoñedo celebra estes días As Quendas; pero o programa de actos non ofrece ningún descenso en parapente dende o Padornelo, e a un, que agradece o traballo de Isabel Piñeiro e dos seus compañeiros da comisión de festas, parécelle un pequeno erro. Dixo unha vez un político -¿quizais Pascual Maragall?- que as cidades que se podían ver cunha ampla perspectiva panorámica se gobernaban mellor. Mondoñedo ten boas vistas, pero observalo dende o aire talvez descubriría novas perspectivas ós candidatos. E se o parapente semella moi arriscado para a integridade física duns políticos en precampaña, pódese seguir o exemplo de don Fermín de Pas, un dos protagonistas de «La Regenta», ó que lle gustaba ver Vetusta dende o campanario da catedral: non creo que o cabido negase esa visita ós aspirantes a alcaldes de Mondoñedo. A idea mesmo podería ampliarse e eliminar localismos. Por exemplo, o aeroclube de Ribadeo debería de organizar voos con saída e chegada en Vilaframil, de xeito que os políticos terían unha visión moi clara da comarca, mesmo de parte do occidente de Asturias, e entenderían que algunhas cousas, vistas con certa altura de miras, son moi pequenas. E se alguén ten medo a voar, unha excursión ós montes que rodean moitas vilas da Mariña, de San Roque a Santa Cruz, vale para que os políticos perfeccionen o punto de vista e se poñan en forma.