A TRIBUNA | O |
24 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TEMOS CHAPAPOTE NA costa, o cal signfica que as desgracias non entenden deses localismos que aseguran algunha victoria política. E seica están a vir á comarca menos turistas ca outros anos: hai varias semanas, este xornal publicou unha reportaxe sobre as perspectivas de alugueres para este mes, que prevían unhas expectativas máis baixas cás doutros anos. De xeito case inevitable, pois, poderíase establecer unha conclusión: veñen menos turistas porque hai restos de fuel. Un supón que a moitos se lles terá ocorrido esa idea, aínda que sería interesante analizarmos outras cuestións. ¿Son axeitados ou altos os prezos dos pisos? ¿Cumpriu xa tódolos obxectivos a promoción turística da comarca ou quedan aínda temas pendentes? ¿Abonda con que os Concellos acudan ás principais feiras turísticas? Como todo o mundo sabe, os restos de fuel chegan a calquera praia, o cal significa que as bandeiras azuis coas que soñan os alcaldes como sinónimo de éxito turístico non son unha garantía de nada, só a comprobación de que existen algúns servicios e certas comodidades. Pero ¿haberá bandeira que premie o pracer de ver o solpor entre a Illa Pancha e Altar? Podemos dicir que non pasa nada ou podemos pensar que hai un problema. E o mellor de todo é que houbo e hai xente, antes os voluntarios e agora os mariñeiros, disposta a loitar coas súas forzas e a súa ilusión para que a costa estea limpa.