DENDE O PADORNELO | O |
19 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI se haberá enquisas feitas nas que de maneira concreta se lles pregunte aos que turistas qué lles gusta ou lles sorprende de Mondoñedo. Asumindo que as hai e recoñecendo o risco de equivocarme, vou imaxinar que unha porcentaxe estimable di que agradece esa sensación de misterio que se observa algúns días. A explicación non ten misterio. A cidade perde poboación, os habitantes teñen unha idade maior máis ben alta, e algúns veciños comezan a vivir alí onde a iniciativa pública ou privada constrúe novas vivendas -avenida de Bos Aires ou Os Muíños, por exemplo-. Sen embargo, está claro que ese Mondoñedo silencioso e misterioso é parte imprescindible de calquera desenvolvemento turístico que a cidade chegue a acadar, sen esquecer nin ignorar as posibilidades do castro de Zoñán, da cova do Rei Cintolo ou mesmo da Fraga Vella. Será un desenvolvemento harmónico, sostible e todo o que se queira, pero terá que ser e -así o espero- será. E como estamos na civilización do ocio, poucos reclamos terá Mondoñedo mellores ca As San Lucas, con oito séculos ás costas e cun sabor coñecido pero sempre novidoso que as converte en irresistibles. Para os que teñan gañas e tempo, entrementres, aínda queda hoxe un día de festa. As San Lucas vanse; pero, agora e sempre, vivan As San Lucas.