A TRIBUNA | O |
18 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CONTINUAR AS excavacións do castro de Zoñán ampliándoas a zonas urbanas como Os Castros; sinalar os puntos nos que estaban as portas da muralla medieval; colocar paneis explicativos nos principais edificios civís e relixiosos; programar visitas guiadas que inclúan a igrexa dos Remedios e a da Orde Terceira; instalar miradores en lugares de excelentes vistas panorámicas da cidade e do val, como San Caetano ou O Padornelo; xestionar a construción dun parador no mosteiro dos Picos; aproveitar antigas escolas como establecementos de turismo rural; conseguir patrocinadores privados para que As San Lucas -que van cumprir 850 anos, non o esquezamos- se convertan no gran peche anual das festas galegas ao aire libre; limitar o tráfico no casco histórico; difundir e protexer as ribeiras dos ríos Valiñadares, Pelourín e Tronceda como zonas de paseo; estudar as posibilidades da Fraga Vella, e crear unha sementeira de empresas na casa da cultura. Hércules pasou doce traballos como mostra da súa forza e da súa valentía; e Mondoñedo, se supera as doce devanditas probas ou fai un esforzo aínda que lle quede algunha sen rematar, enfrontarase co destino, tanto no turismo como noutros temas, coa grandeza que só está reservada aos heroes. Pode esperar -e resulta comprensible- o día en que a cova do Rei Cintolo estea acondicionada como proxecta o Concello ou ir escribindo entrementres o seu futuro. ¿Que prefires, Mondoñedo?