Dolores Beltrán e Nieves Moreda son as representantes da segunda e terceira xeración dunha familia de loteiras. A fundadora foi Nieves Castiñeira
15 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Quen vende lotería reparte doses de ilusión. Nesta apreciación coinciden Dolores Beltrán e Nieves Moreda, nai e filla, segunda e terceira xeración dunha familia de loteiras. A pioneira foi Nieves Castiñeira Otero quen fundou en Foz a primeira administración no ano 1964, nos baixos do antigo xulgado, con vistas ao peirao. Dolores garda moitos recordos daquela experiencia como axudante da súa nai. Lembra o frío que era o local e que o traballo era bastante máis sinxelo que na actualidade: «Daquela só se vendía lotería. Lembro que as devolucións eran máis difíciles de facer porque había que pasar polo Concello e despois ir certificar os envíos a Correos. Tamén había que cursar un telegrama indicando a cantidade de décimos que ían devoltos», explica Dolores, quen agora, xubilada, non pasa un día sen acercarse pola administración, ubicada na rúa García Lorca.
Dolores exerceu como administradora ata que o 1 de marzo deste ano a súa primoxénita, Nieves, tomou o relevo ao fronte do negocio.
As dúas fan memoria para recordar que nos comezos da administración só se vendía lotería. Nos anos oitenta a chegada da Lotería Primitiva provocou un notable aumento das vendas e, hoxe por hoxe, segue sendo a reina das apostas, salvo por Nadal e Reis. «Daquela, as administracións non podían selar a quiniela de fútbol porque era do Patronato de Apuestas Múltiples», apunta Dolores.
A número 1 foi a única administración que operou e opera en Foz, aínda que o negocio tivo distintas ubicacións. Co relevo xeracional informatizouse o negocio e tamén crearon unha páxina web (www.loteriasfoz.es) a través da que lle chegan pedidos de lotería desde distintas provincias de España e doutros puntos do planeta. Un dos últimos, desde Jalisco (Méjico). Por esta vía ata recibiron peticións de informacións desde os Emiratos Árabes. «Os pedidos por Internet funcionan moi ben. Atendemos solicitudes desde Andalucía, Madrid... e tamén algunha de Foz, que che fan o pedido e che din que pasan pola tarde recollelo», comenta Nieves, quen confesa que tamén sufriron algún que outro intento de timo.
Eliximos para conversar coas loteiras o xoves. Son as doce da mañá e a lotería do día está esgotada. Non é casualidade. Nieves asocia este feito cos dez premios de 30.000 euros que repartiron o primeiro xoves do mes. Nesta ocasión o Gordo da Lotería Nacional caeu no 92538.
Pero antes dese houbo outros premios. Dolores lembra que ao pouco de abrir o primeiro local xa entregaron un segundo premio que tocou no bar Lar. Co número 26262 tamén lle alegraron o día ao bar Miranda, de Burela: «O premiado foi un rapaz de Cordido que nos regalou unha colección de décimos antigos». Tampouco esquece a cea á que foi convidada, co seu marido, por un mariñeiro de Foz ao que lle tocaran 400.000 das antigas pesetas. Dolores ten presentes os bailes que botaron «a Ramonela e Elvira do Xuez cando lles tocaron algúns premios» e a anécdota de cando tivo que ser acompañada pola Garda Civil para depositar no banco un décimo premiado co Gordo, que era dun enxeñeiro de Alúmina.
Esta familia recibiu en abril, xunto con outras 27, unha homenaxe do Concello por manter o negocio durante ao menos tres xeracións.