«Non existe marisco como o que temos no Cantábrico»

A MARIÑA

Ademáis do marisco, o prato estrela é a merluza ao salpicón ou ao presidente, da que gustaba Calvo Sotelo

02 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No seu segundo intento e con só cinco anos de vida, o restaurante A Caracola conseguiu facerse co Tenedor de Ouro no apartado de marisquería. Rafael Louzao (San Cibrao, 1974), dono do establecemento focense, relata a súa ledicia por ter acadado este galardón e os beneficios que cre que lle suporá ao seu negocio.

-Este premio é un recoñecemento ao seu traballo.

-A verdade é que si. Estou moi contento polo galardón, porque é o premio gastronómico máis importante a nivel galego. Xa fora nomeado o ano pasado, pero naquela ocasión vencera A Mirandilla de Rinlo (Ribadeo). É importante que este premio recaía outra vez na comarca, porque demostra que non existe marisco en ningún lugar do mundo como o que temos no Cantábrico. O de aquí é o que máis sabor a mar ten, aínda que o do sur de Galicia soe saír moito máis cheo.

-¿Que vantaxes ten para A Caracola recibir este Tenedor de Ouro?

-A nivel publicitario é moi importante, porque xa saímos en varios medios de comunicación e agora tamén imos aparecer en numerosas guías gastronómicas. Asemade, como gañamos o Tenedor de Ouro no 2009 e o 2010 e ano Xacobeo, a Consellería de Cultura e Turismo vainos recomendar en todas as guías que se editen do Camiño Norte.

-¿Cal e a especialidade do seu restaurante?

-Nós temos todos os marisco da época. Agora mesmo estamos coa nécora, centolo, mexillón, percebe e ameixa, entre outros; pero o noso prato estrela é a merluza ao salpicón. É un prato con historia, xa que antes de abrir A Caracola estiven seis anos en El Descanso (Fazouro) e tróuxeno de alí, onde antes se lle chamaba merluza ao presidente, xa que era a comida preferida por Calvo Sotelo cando ía comer aló. A segunda especialidade que máis lles gusta aos nosos clientes é o arroz con bogavante.

-¿Nun restaurante como o seu tamén se nota a crise?

-Si que a notamos e máis ao vender un produto de calidade. Non é como traballar con churrasco, pizzas ou hamburguesas. De todos os xeitos, gustaríame dedicarlle este premio aos clientes e ao meu persoal.