U nha tarde de domingo de inverno pode ser un día indicado para unha visita a Mondoñedo. Un paseo polos arredores da catedral permite construír unha pequena composición sobre a estrutura urbana e mesmo plantear algunha reflexión que una algo de historia, de socioloxía e de economía: seguramente non haberá moita xente pola rúa porque o concello sofre dende hai tempo unha perda de poboación e porque nos habitantes que quedan abundan os vellos, que estarán nas súas casas, preocupados por non mollarse ou non coller ese frío que vén co implacable nordés. A cidade pode agradar, si, pero a algún levará a sensación de que estivo nun lugar aburrido.
As reflexións dominicais poden ser máis ou menos inevitables, pero non sempre exactas. O Mondoñedo que algúns días aparece deserto e que non semella o escenario imaxinado para noites que chegan ata o día é o mesmo que celebra As Quendas en maio, o mercado medieval no mes de agosto, Os Remedios en setembro e as San Lucas no mes de outubro sen esquecer as festas de barrios e parroquias.
Visto dende outra perspectiva, o asunto pode valer para outra reflexión dominical: ¿por que hai en Mondoñedo un número de festas proporcionalmente maior ao doutros lugares con máis poboación?
Mentres se preparan os argumentos para o debate -e en Mondoñedo, non o esquezamos, gusta máis a reflexión ca a acción-, lembremos que esta fin de semana se celebra a festa de San Rosendo, patrón da cidade.
De San Rosendo poden falar os historiadores, pero tamén os que estudamos no instituto que leva o seu nome e que durante anos o identificamos coa escultura de Juan Puchades situada xunto á entrada principal.
Pero como estamos a falar de Mondoñedo, onde as cousas non sempre son o que cremos que son, convén ollarmos tamén para a imaxe do santo situada entre as dúas torres da catedral, porque así atoparemos unha lenda mindoniense máis: teño oído algunha vez que cando se lle poña a man que lle falta, Mondoñedo rexurdirá.
¿Será iso certo? ¿Cando se empezou a dicir? ¿Coméntase aínda ou xa se esqueceu a historia? O asunto pode dar para outro debate que anime esas tardes de domingo en Mondoñedo ou onde sexa.