A coñecida actriz galega Mabel Rivera (Ferrol, 1952) protagoniza hoxe en Ribadeo (auditorio municipal, 20.30 horas) a obra Master Class, espectáculo operístico sobre María Callas que presenta Bengala Produccións. Pero non é súa primeira visita con esta obra á Mariña. Primeiro disfrutou desta función, na que tamén participan os actores Lino Braxe e María Torres e cantantes como Julia Cea e Enrique Martínez, a cidade de Viveiro.
-¿Lémbrase da función viveirense de «Master Class»?
-Si que me acordo, é da que mellor me acordo porque foi a mellor. Se debe ademais ao feito de que en Viveiro afortunadamente teñen un teatro coma Deus manda, non un auditorio nin un galpón, e fai que se traballe en condicións moi boas tanto para as actrices e actores como para o público, que se merece un lugar onde se entregue de forma cómoda.
-¿Cantas funcións levan feitas?, ¿como evoluciona a resposta do público?
-Levamos unhas dez ou doce e quedan outras tantas. En principio o público responde ben, pero creo que unha función coma esta me gustaría poder facela unha pequena temporada en cada lugar, unha semana seguida nun punto concreto, senón da a sensación de cada vez é coma se se volvese a estrear. Os días que a facemos varios seguidos nótase, vai rodando mellor.
-Callas é un gran personaxe, complexo meterse nesa pel.
-Callas é un personaxe e, afortunadamente, o que debemos pensar é que o noso material de traballo é o guión, e neste caso este texto (o autor é Terrence McNally) está moi ben construído, a relación que establece con todos elementos escénicos. Somos cinco na obra, dous deles cantantes de ópera, que lle engade un interese especial a esta función, o canto en directo, a relación entre o público e as arias de ópera. O papel de Callas nesta obra está escrito para unha actriz, porque é un momento en que ela está xa retirada e levaba anos sen cantar(...) Non está pensado para que sexa unha actriz que cante, aínda así hai momentos nos que se inicia, pois dalgún xeito hai que dar a entender que é a Callas.