«Temos un programa amplo para que non se sintan illados»

Yolanda García Ramos
Y. García XOVE/LA VOZ.

A MARIÑA

O rexedor local subraia o recoñecemento aos xubilados polo esforzo e dedicación

26 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ano máis, o alcalde do Concello de Xove presidiu a xuntanza dos maiores, celebrada o pasado venres en Area, á que acudiu tamén en representación da Xunta de Galicia, Raquel Arias. Tamén estaba prevista a presenza da secretaria xeral de Familia, Susana López Abella, quen finalmente non puido acudir á cita cos xovenses.

-Parece obrigado ter un día dos maiores nun municipio.

-É unha tradición de hai moitos anos e é unha das actividades das máis apreciadas. Cando algo está arraigado, é difícil facer cambios, o que si que intentamos é mellorar sen cambiar o custe. Así seguimos.

-Ademais, eles e elas se merecen unha homenaxe popular.

-Haino que ver como unha forma de premiar aos nosos maiores porque é un día que teñen para falar entre eles, e esa vida dedicada ao traballo e/ou á familia a veces parece pouco recoñecida. Creo que por unha vez que se faga ao ano esta homenaxe, están ben empregados os cartos.

-No Concello hai bastantes actividades pensadas para os maiores, ¿non é así?

-Temos un programa bastante amplo. Cando deixa a actividade laboral, hai xente que se sinte illada. Temos a Escola de Maiores que funciona ben, con bastante asistencia, tamén o programa Encontros no que tamén participan ensinando aos máis novos antigos oficios, ximnasia de mantemento que ten moitos asiduos, moitos acoden á piscina municipal, cursos de bolillos e bordado e en xaneiro pensamos empezar outro novo de restauración. Todo isto é para que a xente estea entretida e mellorar a calidade de vida. Tamén se complementa coa viaxe que se fai en maio todos os anos. Aínda estamos presupostando, pero iremos de novo a unha localidade fóra de Galicia.