Os rexedores valoran iniciativas deste tipo para reducir o paro

La Voz

A MARIÑA

06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En Burela, onde 220 persoas aspiran a lograr un dos contratos do Plan Lugo Emprega, o rexedor, Alfredo Llano, fai unha valoración moi positiva desta iniciativa. Destaca o apoio que desta maneira reciben da Deputación os concellos e lembra que este programa permitirá dar traballo a 22 persoas. Os contratados en Burela ocuparán distintas prazas no concello, reforzando os servizos municipais. Llano agarda que haxa máis iniciativas deste tipo.

O Concello de Foz segue recollendo instancias ata mañá para cubrir 29 postos de traballo. O alcalde José María García Rivera apoia o Plan Lugo Emprega como «boa nova para o mercado laboral» e lembra que xa o Concello promoveu no 2010 un plan de emprego que deu traballo a trinta persoas. Pola súa parte, o mandatario local de Ribadeo, Fernando Suárez, valora o plan porque lle permite aos concellos ter reforzo para cubrir determinados traballos a custe cero. Nembargantes, Suárez tamén apunta como necesario e máis eficaz que as administracións deberían destinar fondos especialmente á formación e á reciclaxe dos traballadores. Ao amparo do Plan Lugo Emprega, o Concello de Ribadeo contratará a 22 persoas.

Tamén o rexedor de Viveiro, Melchor Roel, valora a iniciativa de que o Concello poda contratar temporalmente a uns trinta traballadores para realizar tareas municipais.