Aspira a gobernar en maioría e non descarta volver a traballar en Alcoa
19 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.José María García Rivera, alcalde socialista de Foz, destaca da súa xestión ao frente do Concello de Foz a creación de servizos no casco urbano e tamén nas parroquias. Concurre de novo aos comicios como candidato e a súa carta de presentación son 16 anos de xestión municipal.
-¿Que valoración fai tras este período ao fronte do Concello?
-A valoración é moi positiva porque aquí non tiñamos servizos básicos. Cando cheguei á alcaldía atopeime sin Casa da Cultura, sen un centro social, sin Casa da Xuventude, o abastecemento da auga faltaba en máis do 60% do medio rural, os saneamentos brilaban pola súa ausencia, os centros sociais do medio rural estaban abandonados... Hoxe non hai ninguén que poda dicir que non ten todos os servizos básicos. A maiores, había dúas obras que eran vitais para vertebrar Foz; a estrada Cangas-Ferreira e a estrada Ferreira-Foz. Tivemos que reclamar e reclamar co goberno do PP (a de Cangas) e a outra fixémola cun goberno progresista presidido por Touriño e despois de 16 anos de goberno de Fraga, quen non foi nen capaz de prometer esas obras. Tamén quero destacar que o vial Vilaxoane-Ver está case ao 100% e a mellora que se prometeu na estrada de Reiriz-Espiñeira hoxe está en obras. A labor que se fixo foi un traballo enorme. Tamén me lembro que cando entrei de alcalde a xente pedíame que se construira un centro de saúde e adaptado aos tempos. Houbo que construír un centro de saúde e, cando menos diñeiro tiña o Concello, compramos os terreos preto do colexio do Cantel. Logo foise ampliando o centro mediante unha negociación viva deste alcalde para albergar máis consultas.
-Agora que repite como candidato, ¿cales son os tres proxectos prioritarios que pretende executar si gaña as eleccións?
-O máis importante do que me queda, e non me gustaría deixar a vida política sin desenvolver estes proxectos, son a residencia para maiores, darlle a Foz a depuradora de augas residuais que se merece para que nin un só papado de auga sucia acabe no mar e, o terceiro proxecto, que xa se puido ter feito si me fixera caso a oposición, é rematar o plan xeral de ordenación urbana conxuntamente cos plans parciais de Tras as Torres e Llas. Quedaría un cuarto proxecto importante que é o auditorio co conservatorio de música. O proxecto do auditorio xa o ten a Consellería de Cultura en Santiago desde hai alomenos catro anos.
-Preséntase aos comicios cun 60% da lista renovada ¿que expectativas manexa o seu partido?
-O PSOE sempre foi un partido municipalista ao 100% e en todas as convocatorias que realiza fai modificacións da súa lista; neste caso o 60%. É verdade que perdemos a persoas de moito peso, pero se teño que destacar a dúas persoas que traballaron arreo nestes catro anos falo das concelleiras Rosa Alonso e Arantxa Incera. Fixeron un traballo digno e son merecedoras de facerlles un recoñecemento. Elas teñen os seus motivos para non repetir, pero van a estar apoiando ao partido.
-Con catro aspirantes á alcalde de Foz ¿como se presenta a campaña electoral?
-O panorama político preséntase moi ilusionante, pero nós o que temos que facer neste momento é gobernar ata o último día. Temos a responsabilidade de facelo e non entraremos en campaña ata cando marque a lei que hai que entrar. Algúns estanse lanzando á piscina entrando en campaña moi anticipadamente e iso non significa que vaian ter ningunha vantaxe. Todo o contrario, eu creo que van cansar á xente.
-E si García Rivera non sae elixido alcalde ...
-Eu estou totalmente tranquilo. Agora ben, eu non quero saír elixido alcalde polo método mencionado por algún aspirante dunha lista independente (Jaime Cancio, de Unifoz), que dixo claramente que estaba disposto a negociar cos trece concelleiros. Creo que está moi equivocado. Negociará con doce concelleiros, pero con José María García Rivera non vai negociar absolutamente nada porque eu nunca figurarei en ningún goberno no que estea ese señor, nen ese señor figurará en ningún goberno meu, porque cando se cesou, por algo se cesou. Estou aquí cun mandato claro que me deron os cidadáns hai catro anos. Díxenlles honradez, seriedade, traballo, experiencia e transparencia, e eles votáronme por ese mandato. E por ese mandato eu fixen o mesmo con ese señor, mandalo para a súa casa porque transgredeu as normas que eran o noso lema. Non me quedou outro remedio que cesalo e está moi ben cesado.