Lara Méndez defende a renovación xeracional que se realizou na Deputación e no seu partido
29 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Lara Méndez López, concelleira socialista en Cervo, repetirá catro anos máis como vicepresidenta segunda da Deputación Provincial. Agradece a confianza depositada nela e espera coñecer con detalles mañá as funcións que se lle asignarán para este novo mandato.
-¿Como valora que por segunda vez o seu partido apostara por nomeala vicepresidenta segunda?
-Para min é unha honra poder representar á institución provincial que nos representa a todos os lucenses e, por outro lado, é unha honra que se depositara novamente a confianza en min. Hai moitos compañeiros e compañeiras que podían ocupar este cargo porque afortunadamente somos un grupo de xente no que se combina experiencia e renovación, e calquera das persoas estaría capacitada para exercer o cargo. Ademais, sempre é unha oportunidade boa para irse rodando. E, por outra parte, tamén é importante que o cargo recaia nunha mariñana porque demostra o compromiso que ten o presidente da Deputación, Gómez Besteiro, coa Mariña lucense dado que entende a importancia que ten en canto a poboación e desenvolvemento. E iso é digno de valorar.
-¿A Deputación porá en marcha na Mariña proxectos que despois podería desenvolver noutros puntos da provincia?
-Xa o fixemos nestes catro anos pasados. Iniciamos proxectos pioneiros na Mariña que despois se extenderon a outros puntos da provincia, tanto á zona centro como ao sur. E tamén se fixeron proxectos pioneiros exclusivamente para A Mariña, como pode ser o da certificación das praias ISO 14001 e outras iniciativas pensadas exclusivamente para a comarca. Hai un compromiso real, púxose de manifesto nestes catro anos e vaise seguir mantendo por parte do presidente e dos deputados socialistas mariñanos.
-A aposta do presidente por unha persoa nova e concretamente por unha muller, ¿cre que é unha medida que se podería extender no seu partido a outros cargos a nivel galego?
-Toca renovación, pero toca en todos os partidos. É necesaria a renovación xeracional e que a muller cobre poder. Son cambios que se foron producindo pouco a pouco, non veñen de agora. O cambio que se deu neste novo mandato é continuidade do que se deu hai catro anos, cando xa se incorporou xente nova, coma mín ou Juan José Díaz Valiño, á que se nos deu responsabilidade habendo daquela xente con máis experiencia. Xa se iniciou un cambio xeracional. Isto tamén se reflicte no resto do partido; cada vez hai máis mulleres en cargos de responsabilidade que asumen papeis importantes, tanto a nivel provincial como autonómico. É unha transición xeracional que se ven aplicando dunha forma paulatina pero serena.
lara méndez lópez vicepresidenta 2ª da deputación