Desculpas de mal pagador

Ismael Rego

A MARIÑA

21 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Asituación de declive industrial e económico pola que atravesa a Mariña luguesa vén derivada, por unha banda, da crise económica que está a sufrir unha parte do mundo, con especial incidencia na maioría dos países da Unión Europea e nos que España, e Galicia en particular, contan con singularidades específicas que agravan as consecuencias dela.

Porén, a situación da Mariña e as causas do seu esmorecemento derivan sen lugar a dúbidas de decisións e non decisións políticas concretas, que trouxeron consigo a súa desaparición dos orzamentos da Xunta de Galicia nos últimos tres anos. E, polo tanto, a paralización da maioría dos proxectos en marcha ou programados para a súa execución neste período. É así como se explica a situación da que, ata hai ben pouco, constituía unha das comarcas naturais máis dinámicas e puxantes de Galicia, como consecuencia directa da presenza dunha diversidade de sectores produtivos e da capacidade emprendedora das súas xentes.

Cambiar as partidas orzamentarias por anuncios de proxectos sobre actuacións que nunca chegan non é neutral para o porvir da Mariña luguesa. Ten consecuencias xa no presente. A situación é tal que se os anuncios que se fixeron nos últimos anos por dirixentes do PP e algúns membros do Goberno galego, chegasen a crear emprego e sentar as bases socioeconómicas e estruturais para que as empresas non se visen na obriga de botar o peche ou reducir os seus cadros de persoal, hoxe en día as palabras, paro e ERES, non existirían nas conversas dos cidadáns da Mariña, máis que como referentes distantes.

O que acontece é que as promesas e anuncios de proxectos e actuacións desde a iniciativa pública que nunca se chegan a cumprir as desculpas de mal pagador, non só non suman, senón que xeran incerteza e desmotivación para a imprescindible achega de recursos dende o sector privado da economía.

Ás veces dous exemplos son moito máis ilustrativos que horas de reflexión. A situación de Muebles Hermida e ECAR nos concellos de Lourenzá e Mondoñedo constitúen a mellor mostra do desinterese existente no Executivo galego pola Mariña. Tanto no ERE presentado por Muebles Hermida, como no anuncio do peche de ECAR, actuou como un mero notario duns feitos sobrevidos, seguindo unha política de brazos caídos, deixando indefensos aos traballadores e aos propios recursos públicos investidos para financiar a modernización destas empresas ou grupos aos que pertencen. ¿Que foi da obriga de manter a perdurabilidade dos investimentos financiados con recursos públicos? ¿Privatizamos beneficios e compartimos sacrificios sen retorno?

Dous datos. Cando o Goberno de Feijóo comezou a súa andadura había un 25% menos de paro na Mariña Luguesa. Mobles Hermida tiña máis de 200 traballadores. Hoxe a metade. ECAR estaba producindo e con máis de 65 traballadores. Hoxe a piques do peche. E haberá que estar atentos tanto ao posicionamento do Goberno Galego como ao de España cando haxa que negociar as tarifas eléctricas, elemento crucial para o futuro da planta de Alúmina Aluminio en San Cibrao.

En conclusión, cada día resulta máis evidente que as desculpas de mal pagador non chegan. Os anuncios tampouco. É hora de que, quen ten a responsabilidade de gobernar, deixe o seu papel da testemuña muda e inerte da realidade, agardando que as cousas se solucionen de seu, e esperando que coa anestesia das boas palabras e as soflamas mediáticas nos telexornais da TVG, se esqueza a enfermidade. Ou mesmo desapareza.

Cando o Goberno de Feijoo comezou a súa andadura, había un 25% menos de paro na Mariña