A de onte foi, sen dúbida, unha xornada especial e emotiva para os cervenses. Despois de tantos anos e anos sen pisar o chan da que foi a súa principal ou primeira escola, onde lles ensinaron as primeiras letras, a ler, a sumar, a restar, a coñecer o mundo que os rodeaba, a sensación é un tanto estrana pero intensa. Sobre todo porque se ven imaxes en branco e negro das que nin sequera un sabía da súa existencia, aportadas polos veciños que as rescataron dos seus álbumes particulares e as cederon para compartir esa historia con todos. Pero ao carón, vendo esas mesmas fotografías antigas, está xente que estudou contigo, que comparteu pupitre contigo e formou parte da túa infancia.
O Grupo Escolar de San Román formou parte da miña historia, deixándome lembranzas tan curiosas coma as clases que recibíamos de Maricarmen Insua Mariño, «Doña Maricarmen», que ensinaba varios cursos á vez, distribuindo cada un por fila, traballando coas gomas, os lápices e as libretas que mercabamos na tenda de Antonio, enfrente do edificio, xogando no exterior pero con moito tino de non ir onde estaba o pozo e de vez en cando recibindo a visita dun médico que alí, fronte á pizarra, tanto che revisaba os dentes como che poñía unha vacina. Ata vén á memoria a visita á casa da profesora, xusto enriba da aula da dereita. Esa fora, décadas atrás, a das nenas, mentras que a da esquerda era a dos nenos.
Eran outros tempos, claro, nos que tamén, a falta de bus tocaba camiñar oito quilómetros diarios.