«Ninguén nos axuda, non sei se poderemos seguir competindo»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

O adestrador do CB Burela di que ten «moito mérito» acadar a permanencia na Primeira autonómica femenina e vólvese pesimista cando fala do futuro

22 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O cadro sénior feminino do CB Burela gañou na pista o dereito a seguir competindo na Primeira División autonómica, pero a súa continuidade na categoría corre un serio perigo pola falta de apoios, tantos institucionais, como comerciais e humanos. Así o fixo saber o seu adestrador, Xosé Manuel Rubal (Cangas, 1967), que enxalza o comportamento das súas xogadoras e case se deprime cando fala do futuro.

-Obxectivo cumprido. A permanencia está feita.

-Ten moito mérito porque estivemos competindo baixo mínimos durante case toda a liga. Pelexamos unha e outra vez contra as baixas por lesión, por estudos... E aínda así, dos 15 partidos que xogamos tivemos opcións en 14. Só perdemos ben na pista do Universitario de Ferrol, o líder da categoría.

-¿E de que encontro saíu máis orgulloso?

-(pensa). Creo que do que xogamos na casa do Pío XII-Fedesa de Santiago, un dos mellores equipos de Galicia. Tivémolo gañado varias veces, quedámonos sen cambios polas faltas persoais, dúas júniors xogaron moitos minutos... e con todo forzamos a prórroga.

-¿A onde poderían chegar cunha plantilla máis extensa?

-Se tivésemos dúas sénior máis, con calidade e competitivas, penso que poderiamos acabar entre os catro primeiros.

-¿Notou grandes diferenzas entre a Segunda División galega e a Primeira?

-O salto é importante. Nótase sobre todo na calidade, no nivel físico e no acerto no tiro exterior.

-Se mira ao futuro, ¿que ve?

-Sinceramente, non encontro moitas razóns para ilusionarme. A cousa está complicada para todos e moito máis para nós, que estamos sós ante o perigo. Ninguén nos axuda, non sei se poderemos seguir competindo porque os poucos que somos no club estamos a facer un esforzo inmenso. O presuposto é moi escaso, case non da nin para comprar auga para os adestramentos. Sería unha pena que o equipo desaparecera porque é a única saída para moitas rapazas da Mariña que lles gusta o baloncesto.