Bágoas por unha estrela

Francisco Piñeiro

A MARIÑA

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

M  irando ao ceo, coa man dereita posta no corazón, a súa voz poderosa rematou a última canción cun fermoso e inesquecible verso de amor que dicía: «Ser teu amigo foi un luxo». Estas foron as derradeiras verbas que eu lle escoitei a Arcadio Mon García na homenaxe a Manuel Araújo en Mondoñedo e delas hoxe me apropio para devolverllas entre bágoas, coa man no corazón, reenviándollas ao ceo onde sempre brilará como estrela e nos servirá de guía a moitos de nós. O teu señorío, no escenario e na vida, o teu saber estar, compartir e corresponder nunca poderán morrer. Ben pode honrarte a Mariña e a música galega, tal fixeches ti cos insignes poetas da terra, Manuel María, Noriega Varela e coas xentes humildes, mariñeiras e labregas.  Fuches poeta, músico e amigo. Deixas no vento a semente musical, mariñán, galego e universal que florecerá eternamente e dará os seus froitos porque, anque a morte te leve, xamáis esqueceremos a túa canción e a túa lección. Seguirás presente porque realmente o mereces e eu, humildemente, seguirei sendo teu amigo para sempre.