Debate en Foz sobre a situación do sector forestal na Mariña

La Voz FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Organízao a Asociación Cultural A Pomba do Arco

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza este venres, día 9, ás 20:30 na Libraría Bahía de Foz a presentación do libro, “O monte galego e mariñán. Caos ou aproveitamento multifuncional?” ,co obxectivo de promover un debate sobre a situación do sector forestal na Mariña e en Galicia.

  «Dende a Asociación A Pomba do Arco somos conscientes da importancia que ten o monte para a economía da nosa da zona e do conxunto de Galiza e tamén das súa potencialidades como factor de desenvolvemento, polo que queremos divulgar entre as nosas veciñas e veciños todas estas fortalezas ao tempo que favorecemos o debate sobre as súas diversas problemáticas», explican.

  O acto contará coa presenza dalgúns dos autores do volume así como de persoas que pola súa actividade son bos coñecedores desta realidade. Entre os primeiros estará Alberte Blanco Casal, coordinador do volume, autor dun dos capítulos e Director Xeral de Montes entre 2005 e 2009, período no que tivo que enfrontar unha forte vaga de incendios forestais; Bernardo Valdés, profesor da Universidade de Santiago, economista, e autor dun dos capítulos do libro; e Ramón Reimunde, profesor, escritor e presidente de Promagal.