Sube ao carrusel

Fran Bouso CRÓNICAS DAS SAN LUCAS

A MARIÑA

22 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se seguimos o rumbo que levamos, puidera ser que en mil anos xa non haxa primavera. E tampouco outono.

Para que as San Lucas cheguen á MCCCXLIV edición faltan tantos anos como había en positivo cando ao Mariscal lle segaron a cabeza menos mil e, se cadra, daquela alguén conta unha historia dun tal Merlín que amañaba os paraugas do bispo de París sen citar a fonte.

Pero, se na fermosa fonte segue a correr a auga, no 2500 haberá un carrusel de tres pisos que nas feiras máis antigas do mundo vire e vire sen parar levando ao mozo Ulises nunha viaxe sen fin na compaña real ou soñada de Laertes, Euriclea, Helena, Alción, Alperstor, Jasón, Argos, Enrique e a súa amada Penélope.

Pícaros, mozos e vellos quererán subir no “tiovivo” non por xirar, senón por lembrar de xeito inducido como se comía coa culler. Para acumular a afouteza suficiente que permita sobrevivir ao dioivo e poder continuar a esmorga canda uns miñaxoias co ánimo de convencelos de botar os brazos cara diante e converter a fin nun barruzo rompendo coa trosma instaurada co ánimo de chegar, con ou sen présa, máis aló do que estaba previsto.

Escoita. Ninguén vai parar a máquina para que podas subir. Visualiza un punto e pega un brinco. Afebilla o cinto, será toda a axuda que atopes. Agora si, unha vez virando e atado a algunha das bases con forma da Venadita de Sinbad, de randeeira de Novo ou cabalo de Alberte Merlo experimentarás sensacións que nunca antes sentiras. Pola túa cabeza pasarán imaxes que nunca viras. Xa te decataches, Xaora! Estar a vivir.

Xa non hai volta atrás. Iniciaches unha viaxe transformadora sen retorno que te conducirá a un lugar do que nunca antes oíras falar, nin viras en ningunha pantalla real ou virtual. Ítaca? As Illas Cotovías?. Non sei. Non creo. O nome, neste caso, é o de menos, ou non. Chámalle Liberdade.

Unha vez aló non pares, continúa na procura do xenuíno significado das palabras e dese xeito poderás escapar da realidade tebrosa que construíron para ti.

Antes de dar o brinco eras unha persoa saturnina, aínda que ti non o souberas. Decátaste? Comezas a sabelo, sen telo perseguido inicias un razoamento teleolóxico que te transforma nun armante que vai pola vida provocando encontróns impedindo vedas. Ese é o primeiro paso cara a rehabilitación no que en realidade nunca fuches, pero que sempre estivo presente na túa esencia. Xa estás preparado para iniciar unha batalla nada encarnizada.

É o momento, solta a cincha. Enche os petos con mamelas e prepárate para unha sobreexposición permanente que provoque desde este intre o inicio da fin do dominio da crioloxía. O parrafeo será a túa principal arma. Esconde as poutas. Deixa de desafiar.

Algún día do ano 2500 haberá alguén que, sen sabelo, estea a contarlle aos seus historias saídas dun maxín que sempre desexou que non se perdera a primavera e que cada outono, polas feiras, se pasea pola Fonte Bela comprobando que o aroma non mudou. Seguro!