Ninguén pediu axudas para reformar vivendas nin en Ribadeo nin en Rinlo

s. c. / d. g. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O alcalde anima a solicitar ata 15.000 euros; o prazo termina a finais deste mes

16 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anima aos propietarios de vivendas sitas nos Aris de Ribadeo e Rinlo (Áreas de Rehabilitación Integral) a solicitar subvencións para rehabilitar eses inmobles. O prazo remata o 29 deste mes de xaneiro.

Neste senso Suárez manifestou: «Temos que volver falar das subvencións para os cascos vellos, tanto de Ribadeo como de Rinlo, porque se ben é certo que a finais de decembro anunciamos o inicio do período para solicitar as axudas e tendo en conta que houbo varias persoas que viñeron interesarse pola contía das subvencións, a día de hoxe non hai presentada ningunha solicitude nin para Ribadeo nin para Rinlo e o prazo remata o 29 deste mes».

«Como se está a mover pouco este tema -añadía o alcalde- queremos volver informar aos propietarios de vivendas nestes dous ámbitos que non deixen pasar esta oportunidade dado que a contía da subvención pode ser do 35 por cento do orzamento da obra, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda rehabilitada, e unha axuda complementaria do 10 por cento do gasto subvencionable cun límite de 4.000; en definitiva, 15.000 euros».

«Ademáis o Concello para estes casos ofrece bonificacións nas licencias de obra e incluso as memorias valoradas das obras menores poderán ser redactadas pola oficina municipal de rehabilitación, que temos no Concello», explicaba Fernando Suárez.

O alcalde quixo «animar a toda a xente porque é unha mágoa que este diñeiro se perda, porque os prazos son os que son e temos de límite ata o 29 deste mes, quedan practicamente 15 días».