O Hospital da Costa ten os mellores rexistros dos últimos anos en atención

S.C., D.G. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Sitúase entre os centros hospitalarios máis áxiles da rede do Sergas en Galicia

27 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Hospital da Costa acadou ao longo do pasado exercicio uns dos mellores resultados de actividade e demora dos rexistrados nos últimos anos, o que supón que o centro hospitalario de A Mariña consolida a súa senda de mellora da atención ao paciente e de incremento da calidade asistencial, situándose, ademais, entre os centros hospitalarios máis áxiles da rede Sergas.

Espera media

«No que atinxe á espera media para unha intervención cirúrxica, a 31 de decembro de 2017,o Hospital da Costa rexistrou a máis baixa dos últimos anos, cunha demora media de 45 días, 4,2 días menos que en 2016, cando este centro xa conseguira rebaixar a espera media cirúrxica ata os 49 días. Esta significativa diminución de catro días respecto ao ano anterior, é aínda máis acentuada se a comparamos con anos precedentes, pois, por exemplo, en 2012 a espera media cirúrxica era de 65 días. Ademais, no Hospital da Costa a gran maioría dos pacientes, o 97%, son operados nun prazo de tempo que oscila entre os 0 e 3 meses. Destacar, tamén, que non só se reduciu a espera media para unha intervención, senón tamén o número de pacientes en lista de espera cirúrxica», informan.

No que se refire á demora para consultas de especialidades, a finais do ano pasado os pacientes de A Mariña agardaban unha media de 38 días para unha primeira consulta. Ademais incrementáronse o número de consultas atendidas ao longo do ano en xornada ordinaria. «Non obstante, hai especialidades médicas cunha demora moito menor para consultas externas. Entre elas figuran: Oncoloxía Médica (cunha demora media de 3 días); Pediatría (cunha demora de 4 días); Dixestivo (con 7 días); Obstetricia (10 días); Endocrinoloxía, Otorrinolaringoloxía e Nefroloxía (14 días de espera media); Hematoloxía Clínica e Rehabilitación (16 días), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (18,7 días) ou Psiquiatría (19 días).

Para probas diagnósticas e tratamentos, ao rematar 2017, as que menos espera rexistraban no Hospital da Costa eran as probas de radioloxía convencional (9 días) e respiratorios (10 días).