Ribadeo colaborará coa Xunta para mellorar a seguridade en As Catedrais

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O alcalde, Fernando Suárez, reuniuse onte con Medio Ambiente e Costas en Santiago

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadeo colaborará, dentro das súas competencias, coa Xunta de Galicia na busca da adecuada xestión da praia das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, que asistiu en Santiago a unha xuntanza con representantes da administración galega e da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, desexa que «o areal siga a ser visitable, pero por riba disto, siga sendo seguro». Na valoración realizada reiterou a súa consternación polo accidente mortal que se rexistraba o pasado sábado. O rexedor manifestou: «Entendemos que debemos apelar á prudencia sobre as investigacións sobre este fatal desenlace polas autoridades que as están a levar a cabo, isto é, a Garda Civil, o Xulgado, a Xunta de Galicia. Queremos e desexamos que esta desgraza sirva para repensar os sistemas de información e de seguridade que ten este areal, toda medida preventiva é pouca e sempre se pode mellorar. Porque aínda que a súa composición xeolóxica é similar a outros moitos cantís, non xa de toda Galicia, senón de todo o Cantábrico, o certo é que aquí acode moita xente durante todo o ano».

Para o alcalde ribadense, «este tipo de desgraza pode ocorrer en calquera outro punto da nosa costa, pero a masiva afluencia de visitantes da praia de As Catedrais obriga a ser máis cautelosos con este lugar». Suárez Barcia dixo: «Debemos lembrar que este entorno está cualificado como Monumento Natural, xa que non é nin sequera unha praia convencional, senón un areal que queda descuberto nos períodos de baixamar, polo que a súa dinámica é moi variable ao longo de todo o ano».

E subliñou que «desde o Concello de Ribadeo aplicamos as competencias que as leis nos dan, como son as de información turística, limpeza do entorno e salvamento (de aí que como todos os Concellos do litoral de todo o Estado preocupámonos de dotar de socorristas ás nosas praias na temporada estival, mesmo os últimos anos vímonos na obriga de deixar ser servizo praias tan relevantes como Esteiro e Os Bloques por dispoñer do persoal necesario en As Catedrais ante a falta de suficientes socorristas; pedimos as autorizacións necesarias a Costas do Estado para poder poñer alí unha caseta informativa, etcétera)».

O rexedor seguiu a relatar: «Pero neste caso específico das Catedrais e da súa consideración de Monumento Natural e de Espazo Protexido da Rede Natura 2000, a conservación, xestión e planificación é unha competencia exclusiva do organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Aspecto que igualmente queda patente co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e no Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais». Fernando Suárez dixo onte: «Por tanto, se as normas vixentes indican que ten a xestión, esta é unha xestión global do espazo desde o momento que se regulan os accesos ao areal, o número máximo de persoas que poden entrar nel e os períodos, porque tamén se ten que regular en función da seguridade das persoas. Por todo isto, non ten sentido algún que un organismo regule estes fluxos de entrada e pretenda que outro organismo que non ten competencias nin para acceder discrecionalmente cando queira poida garantir a seguridade desas persoas que entran nos cantís. Máis cando un Concello de menos de 20.000 habitantes non está obrigado a dispoñer dun Plan de Emerxencias».

A Xunta avanzou propostas para dar máis información e a protección aos visitantes

O alcalde comprometeuse a colaborar: «Que non caiba dúbida algunha que o Concello de Ribadeo colaborou e seguirá a colaborar para promover, dentro das súas competencias, unha xestión racional do patrimonio natural e cultural, pero en ningún caso é competente para asumir obrigas que por lei, recaen no organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade». Sobre a xuntanza en Santiago contou que «a Xunta esbozou propostas para aplicar de xeito inminente a respecto da mellora de información e protección dos visitantes. Indicáronnos a intención de solicitar un informe xeotécnico a especialistas na materia, e, entrementres, adoptar unha serie de medidas para garantir ou minimizar os riscos de visitar este Monumento Natural. Medidas que se han concretar pola Xunta nos vindeiros días, e que xa avanzamos que nos parecen positivas porque o que queremos desde o Concello é que este entorno siga a ser visitable, pero por riba disto, siga sendo seguro».

«Sentido pésame»

«Finalmente ?dixo?, desde o Concello, queremos rematar con absoluto respecto e o mais sentido pésame pola tráxica fatalidade que acabou coa vida dunha rapaza na visita a este Monumento Natural e que isto poida servir para que todas as Administracións poidamos traballar coordinadas para mellorar no futuro inmediato os servizos, a imaxe, a información, a seguridade. Polo tanto, dende o Concello de Ribadeo queremos fuxir de calquera tipo de polémica».