«O programa das Quendas é para os sentidos, para o paladar e o corazón»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

A cita festiva primaveral lembrará os 125 anos da chegada da luz eléctrica á cidade

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dúas caras da mesma moeda, porque tanto As Quendas (do sábado 28 de abril ao martes 1 de maio) como As Lucas (en outubro) marcan os polos festivos en Mondoñedo. Unha é a cita primaveral e outra a outonal e de ambas se encarga a comisión organizadora que preside Miguel Souto. Agora toca falar das primeiras, a punto de entrar na axenda. «Dentro de pouco xa daremos o avance das San Lucas... Son os dous principais activos festivos, a mellor promoción porque creo que é a forma na que todo o mundo se sente acollido e son os mellores días para ver Mondoñedo», di.

-Con tanta xente na rúa?

-Aproveitando o de Mondoñedo é Poesía e falando cos poetas, todos me dixeran que lles encantara ver un Mondoñedo vivo. O que conseguimos en toda a programación foi unha sinerxia e un efecto multiplicador de Mondoñedo. Sentímonos contentos de que toda a comarca e todo o mundo nos felicite polos eventos.

-E como vive estos días o presidente da comisión?

-Con moito traballo! E co meu traballo de sempre e de todo o ano, quitando horas ao sono e á vida para facer tanto as Quendas como as San Lucas. Son dos que digo que o principal é a satisfacción das cousas ben feitas.

-Pero a responsabilidade pesa.

-Si, é moita a responsabilidade. Todos procuramos que saia todo ben. Por enriba, hai que ter controladas todas as contixencias que vaian aparecendo. Facemos todo o posible...

-Este ano teñen un oco especial para os 125 anos da chegada da luz eléctrica en Mondoñedo.

-Mondoñedo foi das primeiras cidades de Galicia en tela; foi das pioneiras. Nas San Lucas e nas Quendas tentamos sempre poñer en valor calquera efeméride e todo o patrimonio de Mondoñedo. Este ano nas Quendas imos poñer un arco conmemorativo. Sentímonos orgullosos.

-Non é para menos. As festas sen luz eléctrica non serían festas!

-A luz eléctrica e fundamental. Sen ela sería complicado.

-E se me apura, sen móbiles.

-(Sorrí) Si, hoxe en día sen móbil e iso que dis ‘se non hai moito tempo que viñeron os móbiles’.

-Que é o que máis lle gusta das Quendas, unha cita, sensación...

-O que máis me gusta é ver que todo funciona ben, que a xente o pasa ben, que felicita aos membros da comisión e que se acadaron os obxectivos buscados.

-Na comisión non cansan? Non son das de ‘a ver o ano que vén’?

-A verdade é que este traballo cansa moito pero o que che dá o motor e as ganas é a felicitación da xente. Pensamos que sexa bo para Mondoñedo, para a comarca, para a provincia e para toda Galicia. Reflíctese no programa.

-Intenso, como o das San Lucas.

-Con el queremos que todo o mundo que veña se atope con cousas que facer. Mondoñedo abre a temporada das festas e feiras coas Quendas, no corazón da primavera, cando esta esperta despois do letargo do inverno, e pecha coas máis antigas de Galicia, cando as cores do outono están asomando.

-E o cabalo, sempre protagonista.

-Nas dúas o mundo do cabalo é protagonista, por iso nestas facemos as xornadas de carne de poldro, que é unha saída económica para os gandeiros, que fan o esforzo todo o ano para coidalos. Moita xente está descubrindo esa carne. E que dicir da empanada galega...

-Ou de Mondoñedo é Poesía...

-O das Quendas é un programa para os sentidos, para o paladar para o corazón, con Mondoñedo é Poesía. Fixemos un libro recopilatorio con máis de 90 músicos e poetas (cos que contactaron Reigosa, Bouso e Piñeiro) e con portada de Vizoso. Ten máis de 200 páxinas. Son as persoas que viñeron ás cinco edicións.