«Son de Mondoñedo, de estirpe auténtica»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

SANDRA ALONSO

Ruth Chao le o pregón da festa primaveral mindoniense, a partir das 20.15 no auditorio

28 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na mesma terra que veu nacer a Victoriano López, que chegou a ser o primeiro director do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC) e ocupou diferentes cargos no mundo do cine, naceu tamén Ruth Chao. Abre camiño no mundo audiovisual como muller mindoniense de talento que é, hoxe encargada de pregoar as festas primaverais das Quendas.

-Mondoñedo sempre deu xente de moita valía...

-Iso é o que defendo en Mondoñedo. En Mondoñedo a inspiración xurde soa. Non vivo alí, vivo en Santiago pero vou moito porque tanto a miña familia materna como a paterna son de alí. Son de estirpe auténtica! Sen mesturas nen híbridos (sorrí). Repártome máis ben entre Viveiro e Mondoñedo porque en Mondoñedo vivín ata os 9 anos e despois fun para Viveiro outros nove. E despois, o típico, a universidade, que fixen na Complutense de Madrid. Logo empecei a traballar en Galicia. Son moi galega. Sempre o tiven claro. Moitos compañeiros quedaron aló [Madrid] porque é verdade que tes máis oportunidades, pero eu estou moi apegada á terra e en Galicia vívese moi ben e con boa calidade de vida. Tendo Internet e un ordenador, hoxe pódese traballar para calquera parte do mundo.

-A súa empresa chámase Somadrome.

-É a empresa que montei hai pouco tempo e coa que produzo documentais para distintas partes do mundo. Enfocámonos ao mercado internacional porque canto máis amplías, mellor.

-E ata Marte, se pode ser, non? Dígoo polo seu último traballo, Space Colonies que amosa as posibilidades para establecer colonias en Marte, a Lúa...

-Si, o último foi centrado na exploración espacial.

-Ideas para facer documentais haberá a moreas.

-Ideas non faltan nunca. Falta máis o tempo que ideas e coa inversión hai que ir pouco a pouco, témolo controlado, non podemos facer proxectos ambiciosísimos.

-En que traballo anda agora?

-Estamos producindo un documental, o máis ambicioso ata o momento, sobre neurociencia e as súas posibilidades. Chámase El futuro de la mente. Imos empezar a rodaxe en Estados Unidos e despois máis adiante rodaremos tamén en Europa. Estamos moi entusiasmados. Está apoiado por Agadic, Media (programa audiovisual europeo) e ICA.

-Cal sería o seu documental soñado en Mondoñedo?

-A ver... nunca o pensara nin nunca me fixeran esa pregunta. Dame tres segundos para pensar.

-... xa pasaron.

-(Ri) Seguramente o faría sobre isto que acabamos de falar, centraríao nas características que o fan tan inspirador e evocador de historia, literatuta, arte, creación... Que hai en Mondoñedo nesas rúas, empedrado e paisaxe que incitan á creación?

-Que diría das Quendas?

-Cando eran As Quendas eu vivía fóra, lembro máis as San Lucas, chegar a familia de fóra, o nerviosismo de ver aos primos, de estar xogando con eles...

-De hoxe en diante poderá sumar o de ser pregoeira.

-Vai ser un recordo ben bonito ser pregoeira das Quendas. Máis que nada, de Mondoñedo saíu xente tan ilustre e xente de valor e tan profesional que os pregoeiros anteriores son xente de moi bo facer. Iso é unha responsabilidade á hora de dar o pregón. Ata o mismísimo Álvaro Cunqueiro o deu.

-Recentemente en La Voz de Galicia falou do 8M. Segue a loita feminina moi en pé...

-Estou moi orgullosa das mulleres deste país. Temos unha capacidade de superación, entrega, gústame como están reaccionando, como están conducindo o feminismo, facerse ver... Aínda que sexa un traballo a longo prazo.

-Lembro á muller galega do campo, co sacho, e penso que aínda hai moito que sachar....

-Xustamente a muller galega ten moito que dicir ao respecto porque é un símbolo de forza, sentimento e unión. Teñen unha fortaleza...