Rodéate de cousas fermosas- dixo ela.
-Entón só teño que quedarme preto de ti, poesía- contestei eu.
Neste último San Xurxo tiven a sorte de comer cunha gran amiga que dende que a coñezo me regala libros, libros fermosos escollidos de corazón, que iso non é calquera cousa.
Ela sabe moi ben o que é querer ir ós bosques para poder vivir a conciencia como dicían no meu club favorito de adolescencia.
O tristemente desaparecido Robin Williams cantáballe un CARPE DIEM ó TEMPUS FUGIT e así os seus alumnos amaron a literatura.
Porque como dicía Segismundo, a vida é un frenesí, unha ilusión, unha sombra, unha ficción.
A vida é un soño aínda que non saibamos moi ben se ser ou non ser nun momento dado das nosas vidas porque todo aquelo que era, xa foi . É o que ten a literatura, o pretérito
muda e o mundo dun personaxe deixa de non ser para ser ou viceversa.
A miña xeración da quinta de «Naranjito», tivemos a sorte de ter que ler. Ler en papel de Follas Novas as Cousas da Vida coa maxia de Merlín e Familia, Cantar de Mío Cid,
Quixote...
Foron o noso Youtube en lances curtos coma os dos Vellos que non deberon namorarse, o «Instagram da vista dos nosos ollos», o Facebook de Xulieta que «está nunha relación con Romeo», O LinkedIn de Tim Wingfield que frustrado, buscaba traballo de escritor, dende o Zoo de Cristal...
A esencia da vida
Cando imparto clase a adolescentes do «Síndrome do pescozo roto», pídolles que vaian ós bosques cun libro, que vivan a fondo, que extraian a esencia da vida... Non vaia ser que non a vivan.
A miña amiga dixo, rodéate de fermosura e fun ós bosques da literatura.
* Estíbaliz Veiga é actriz.