A miña experiencia en Urxencias

Suso Villalba HUMANIZAR O HOSPITAL DA COSTA

A MARIÑA

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de empezar este escrito dou por feito que a dirección non pasa polos mesmos calvarios que o resto dos contribuíntes. Fai uns días tiven que asistir ás urxencias do Hospital da Costa cun familiar de avanzada idade. Sobre as cinco da tarde fomos trasladados en ambulancia a dito hospital, sen pasar polo centro de saúde de Ribadeo, polo tanto sen ter sido valorada a situación médica do paciente e, polo tanto, porque entendo que os técnicos do 061 asi llelo mandaron dende a súa central.

Dende a chegada á triaxe do hospital ata que a paciente foi mirada polo persoal médico pasaron en torno a dúas horas, tratándose dunha muller de case 90 anos que tiña 39 de febre. Os resultados das probas que os médicos pediron entorno ás sete e media da tarde chegaron sobre a unha da maña: falamos de análises e placas. Todo ese período de espera, o previo a ser atendidos polo persoal médico, tivo lugar nunha camilla no medio do pasillo de urxencias, onde xa había outros máis ou menos sete pacientes dende pícaros a anciáns. Despois de ser mirada a paciente no box a cousa non mellorou, do pasillo pasamos a unha sala de 20 metros cadrados (moi escasos), na que había outras tres persoas maiores en camillas, máis tres ou catro persoas de diferentes idades en cadeiras de rodas, cos respectivos acompañantes de cada un, coa casualidade da vida de que algún dos acompañantes podía ser máis maior que algún dos anciáns enfermos, para os cales só hai catro cadeiras para sentarse. Paréceme indignante e inhumano ter que vivir tal situación. Sobre as dúas da madrugada soben á paciente á segunda planta, á habitación 233, o rato que queda de noite despois de todas as penitencias descritas tratamos de durmir algo. Por mala sorte non se puido porque unha persoa que estaba na cama do lado berrou canto puido toda a noite, e o primeiro que pensei é que estaba con moitas dores. Ao día seguinte a persoa seguía no mesmo estado, despois de informarme, dime o persoal de planta que non son dores, se non que a señora tiña outro tipo de problema os cales ou non se tratan en Burela ou debía de estar soa nunha habitación. Por todo isto, no mesmo momento de enterarme de tal feito solicito á supervisora de planta o cambio de habitación ou ata que me poñan no pasillo. Parece ser que non había camas libres. Eu non vou entrar no traballo de supervisor, pero camas libres había abondas.

Dita señora berraba desquiciantemente, insultando a todo mundo as 24 horas do día. Nesa situación estiven dende o domingo de madrugada ata o mércores sobre as seis da tarde, cando xa me cansei de que a miña nai se asustara con cada berro e eu me din conta de que me estaba poñendo mal, e decidín con moitos decibelios de voz, polo cal pedín e pido desculpas ao persoal sanitario, que me axudaran a pasar a miña ao pasillo xa que a situación era insostible, cousa que me dixeron que non se podía facer. Entón pedinlles que me axudaran a baixala ao coche para irme ao Hospital de Lugo. Parece ser que tampouco se podía, pero cando se deron conta de que estaba disposto a facelo eu só, e como creo que estaba bastante excitado, viron que ía en serio e pedíronme dez minutos para solucionar o problema. E así foi tras chegar todos os médicos e enfermeiras que debía haber na planta, en dez minutos a señora estaba nunha habitación soa, como debería de estar segundo nos dixeron dende o primeiro día; pero iso si, non había supervisora, xa que era pola tarde. Dende aquí quero agradecer a todo o persoal da planta, que non só solucionaron o problema, se non que ao tempo que o sufrimos miña nai e mais eu axudáronnos a levalo mellor.

Coa mellor vontade

Sería bo que a dirección do hospital nomeara unha persoa para que dende urxencias ata as plantas pasase polo hospital vendo o que sucede nel (non fai falta que sexa unha enchufada política) só que teña sensibilidade social. Porque a dirección non se entera nin de enfermos, nin sans, por culpa dos

bypass

de xefes. Se esta denuncia serve para mellorar e humanizar un pouco o hospital, doume por satisfeito. Se serve ou non, seguro que hei podelo comprobar porque por sorte ou desgraza teño moitos números para volver.

Finalizo xa coa reflexión mas lóxica: non é normal que para conseguir algo cívico e de sentido común, haxa que porse incívico, porque o que non se quixo facer en catro días, nos que tivemos unha paciencia que non adoito ter, fíxose en dez minutos pola decisión do persoal de planta e non da dirección nin da supervisión. E non vaia ser que coa ampliación do hospital os problemas deste tipo aumenten en vez de mellorar e haxa o mesmo número de persoal sanitario para o dobre de pacientes, e que só aumenten os aparcamentos porque cobraran por eles.