Conversas cun estraño nas San Lucas

fran bouso PROFESOR E ESCRITOR

A MARIÑA

CAXOTO

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei ao Pregón que pronunciou Antonio López cinco minutos despois da hora que sinalaba o programa de man que reparten para dar coñecemento das actividades que se programan ao longo dos cinco días de feiras e festas e xa non había butacas libres no Auditorio. Moita xente ficaba de pé nos corredores traseiro e laterais do Pascual Veiga, a ocasión ben o merecía pois ter a oportunidade de escoitar ao reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela falar de Mondoñedo e as súas xentes nun día tan sinalado só se dá -polo xeral- unha vez na vida. Digo polo xeral porque Cunqueiro pronunciou o Pregón das San Lucas en dúas ocasións.

Decidín ficar ao fondo, por detrás das últimas butacas. Aqueles días, padecía unha insoportable ciática que se instalou no meu corpo logo de pasar agachado por algún dos furanchos da galería central da Cova do Rei Cintolo. O luns fora ao ambulatorio e déranme unhas pílulas que reducían lixeiramente a dor e que me provocaban -iso si que con efectividade- somnolencia e sensación de vivir nunha nube.

Cando López estaba a rematar o saúdo ás autoridades presentes, achegouse a min un home que me resultaba familiar pero que non atinaba a saber quen era. Viña con dúas cadeiras e unha delas cedeuma cun xesto de graza. Noutras circunstancias non tería aceptado tal ofrecemento, pero ao acabar o pregón tiña ganas dir comer o polbo á feira e se pasaba moito máis tempo de pé en lugar dir para a Alameda, había ter que ir para a cama. As cadeiras eran ben cómodas, a miña polo menos e a do xentil cabaleiro supoño que igual porque eran idénticas; máis cómodas aínda que as butacas daquel salón, nada que ver coas habituais auxiliares que adoitan colocar en caso de haber abarrote.

O discurso de López

Seguía con atención o discurso de López e, cada pouco, o meu novo amigo soltábame algunha chiscadela seguindo o fío das palabras do cabarqués. Que si da barba de Lence: “Éche ben curioso que un home que sempre andaba cunha coitela de barbear no peto, tivera a barba tan longa”; que si dos amoríos de Veiga e Estorgia... Ata que o Catedrático de Dereito Financeiro e Tributario centrou o seu discurso en Cunqueiro, aí xa me perdín porque o señor empezou a laretar de seguido:

Xa hai tempo que non vexo a Alvarito, a última vez que pasou a visitarme foi hai dez ou doce anos. Díxome que se ía para Damasco, atender a biblioteca do Centro Cervantes de Siria. Estaba moi emocionado co posto que lle dera César Antononio Molina, pero non sabía como saír da argallada que escribira no curriculum remitido ao ministro. Idiomas: Galego, castelán, inglés, francés e árabe (nivel avanzado).

A verdade é que o pregón de Antonio era moi interesante, pero o que estaba a contar aquel home aínda o era máis. Decidín desconectar por completo do pregoeiro, ben seguro que alguén me había poder conseguir unha copia do discurso e xa o lería, e centreime nas verbas daquel xa enigmático home.

Dinlle unha caixiña con tapa de cristal. Se levas isto no peto e colocas no lóbulo da orella esquerda este pendente, haste entender sen dificultade cos damascenos e con calquera outro que se dirixa a ti en calesqueira dos milleiros de dialectos das linguas arábigas.

No meu smartphone soou a alarma que tiña programada para as nove con intención de lembrarme de tomar a medicación. Collín un blister do peto smoking e salivei ben para favorecerlle o camiño ao medicamento.

Escribírame unha carta, ao pouco de chegar aló, confirmándome o bo funcionamento do remedio que lle proporcionara, o ben que se sentía naquel país que tantas veces tiña imaxinado e iso a pesar dalgúns problemas que se vivían por aló: desemprego, corrupción, falta de liberdade política e represión.

Iso sóame, díxenlle eu.

Xa sei por onde vas, pero non te metas niso agora, os tempos han mudar e non han tardar.

Imos ver, pero o aparato que lle deches a Cunqueiro que é?

E logo non o sabes?... E que vai ser, un teléfono móbil coa aplicación do Google Translate e un pinganillo integrado nun pendente.

Hahahahaa. As miñas gargalladas provocaron que boa parte da xente que estaba a escoitar ao Reitor xirasen a mirada cara min e puxeran cara de perplexidade.

E os paraugas do Bispo de París?

Antenas parabólicas que conectaban con diferentes satélites xeoestacionarios e permitían o fluxo de información determinados días do ano con estacións espalladas ao longo do mundo. O “de sal el sol”, se ía ben, podía facer algunhas variacións en determinados fenómenos meteorolóxicos mediante o emprego de tecnoloxía de microondas. O “Mirabilia” empregaba un sistema operativo, hoxe en día moi arcaico, pero cun funcionamento parecido ao dun tradutor intelixente e O “Luceiro”, non era máis que un sistema de xeoposicionamento por GPS.

E por que falas en cursiva?

De repente sentín como alguén me petaba nas costas e vin que no auditorio non quedaba ninguén máis que aquel home vestido de azul que me estaba a falar. Era o municipal que viña pechar.

- Coño Germán, que susto!

- Pero quedaches durmido?

- Que va! Estaba escoitando o pregón e falando con...

- Anda, levántate, espérame no coche que pecho aquí e lévote para a casa.