«Dá gusto traballar con xente que vén ilusionada buscar as súas vacacións»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Eroski Viaxes de Viveiro contratou nas súas primeiras semanas viaxes a Portugal, Mallorca ou Bali, como explica o seu responsable, Marco Uría

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballar nunha axencia de viaxes permite abrir a diario os ollos a outros lugares, a outras xentes, a outras realidades, a outras culturas... E desa experiencia están empezando a empaparse e a gozar Goretti Fernández Sánchez (Viveiro, 1977) e Marco Uría Sixto (Ferreira do Valadouro, 1977): xerente e responsable de oficina, respectivamente, da oficina que Eroski Viaxes acaba de abrir en Viveiro. O negocio comezou a funcionar o pasado 3 de decembro na avenida de Cervantes, e nestas dúas semanas xa contratou varias escapadas a Portugal, algunha viaxe a Mallorca e mesmo ten «mirada» unha viaxe á illa indonesia de Bali, como detalla Marco Uría.

-Como xurdiu a posibilidade de montar esta axencia en Viveiro?

-Ata que abrimos nós, as únicas oficinas de viaxes que tiña Eroski na provincia de Lugo eran as de Burela e Ribadeo. En toda Galicia hai unhas nove. Somos franquía, pero estamos apoiados moi intensamente pola marca, que sempre esta por detrás: supervisores e traballadores propios doutras oficinas, que sempre están formando parte do equipo e botando unha man.

-E por que se decantaron pola firma Eroski?

-Goretti ten relación empresarial con Eroski desde hai anos, porque ten dous supermercados da marca: o de Xove, que é unha sociedade, e o de Lourenzá, que é dela. Pareceulle interesante, porque coñeciamos as axencias de viaxes de Eroski como clientes e gustábanos como traballaban, a oferta que tiñan e que eran competitivas. Eliximos Viveiro para completar o servizo na zona, porque aquí hai algunha axencia menos que noutros sitios.

-Tiñan experiencia no sector turístico e das viaxes?

-En axencias de viaxes ningún dos dous, só como clientes. Eu traballei en turismo, pero nunha parte diferente, en información turística, que che permite coñecer á xente que viaxa. Pero collémolo con moita ilusión, porque é un traballo moi satisfactorio. Dá gusto traballar con xente que vén ilusionada buscar as súas vacacións, a súa viaxe ou coñecer un sitio novo. Poderlle axudar a alguén que vén contento a comprar as súas vacacións é moi gratificante.

-Empezar de cero sempre é complicado. Inician este proxecto con algunha oferta especial para captar a atención?

-Como axencia, Eroski ten en todas as súas delegacións e oficinas ofertas constantes, e na campaña de Nadal teñen vixente a oferta a determinados destinos. Tamén hai outra de cruceiros que leva desde outubro e aínda non rematou. Nós como oficina intentamos que todos os clientes que veñan novos teñan uns pequenos descontos para que o presuposto non sexa un problema, que polo menos é do cinco por cento. Ademais, os prezos de Eroski sempre son competitivos.

-Como valoran a acollida nestas primeiras semanas?

-Empezamos a ver interese por parte da xente, que vén preguntar bastante, e xa fan algunhas contratacións.

Perfil dos emprendedores. Marco Uría Sixto é natural de Ferreira do Valadouro, e Goretti Fernández Sánchez, nativa de Viveiro, é propietaria desde hai anos do supermercado Eroski de Xove, en sociedade, e do Eroski de Lourenzá.