O hospital realiza máis de 500.000 atencións médicas ao ano

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«No ano 2018 presentáronse 328 reclamacións; no 2019, 339. O número de reclamacións presentadas non chega o 1%»

24 ene 2020 . Actualizado a las 21:36 h.

O Hospital Público da Mariña realiza cada ano máis de medio millón de atencións médicas, entre consultas externas, intervencións cirúrxicas, ingresos, probas diagnósticas, etc, segundo informa o Servicio Galego de Saúde. Disto resulta unha media de sete consultas médicas ao ano por cada cidadán da Mariña aproximadamente, segundo os resultados do Servicio Galego de Saúde.

«A pesar deste gran volume de actividade -sinalan-, o número de reclamacións presentadas oficialmente, polos cauces formais e necesarios, é moi pequeno, e non chega nin ao 1% do total. No ano 2018 presentáronse no Hospital da Mariña 328 reclamacións. No ano 2019 presentáronse no Hospital 339 reclamacións», indican dende o Sergas.

«O Hospital Público da Mariña só atende as reclamacións que entran a través do Servizo de Atención Ao Paciente, que é o cauce formal para a súa presentación (mesmo as que nos presenta a plataforma. En todo caso, as reclamacións de todo o ano pasado foron, como dixemos, 339). O Servizo de Atención ao Paciente e a subdirección médica do Hospital da Mariña revisan e estudian todas as reclamacións e, unha vez analizadas, inténtaselle dar a mellor solución posible», continúan explicando.

«Finalmente, engadir que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública non ten capacidade para resolver as reclamacións», indican dende o Sergas. Avanzan que as obras de reforma no edificio vello do hospital estarán concluidas no verán.