Papas

Miguel Vila CUNQUEIRIANA

A MARIÑA

11 mar 2020 . Actualizado a las 15:21 h.

Nas Crónicas do Sochantre Cunqueiro traslada a moi galega «santa compaña» ou «estantiga» ás terras de Bretaña, e aí temos unha hoste de pantasmas que recorre o país, encarnándose cando corresponde e sen esquecer os praceres da mesa bretoa, que non resultan igual de pracenteiros para todos.

Madame de Saint Vaast é unha das integrantes da compaña. Vaga sen rumbo, culpable da morte por envelenamento da súa irmá Eloisa. «Determinei entre min enveliñar a miña irmá, indo a Audierne de visita, a buscar un descanso. Galván, o menciñeiro, deume por unha libra de ouro catro graus do veneno que chaman tanatos umbrae, preparados para esleir en papas de millo, que era o almorzo máis gustoso de Ana Eloisa» conta a propia madame na novela.

Xa non se ven as papas nas nosas mesas malia que durante décadas foron compañeiras de almorzos e ceas. Démoslles as costas, como a todo o que asociamos cos anos da fame e a necesidade, e non as transmitimos aos nosos fillos, perdendo unha parte da nosa identidade culinaria para despois asombrarnos ante o «porrigde» que nos poñen ao almorzo en Escocia, cando non se trata máis que das nosas vellas papas de arrandas, ou afreitas, elaboradas a partir de avea e que teñen presenza nos almorzos do Merlín e Familia.

Feitas con avea, trigo ou millo, cocidas en auga ou leite ou mestura de ambas, acompañadas de leite frío, azucre ou mel, as papas foron cea e almorzo común dos máis pequenos e os máis vellos da casa pero xa non son máis que unha reliquia gastronómica, por moito que quen as proba repite, se pode.

Unha variedade deste prato foron as papas pegas, resultado de cocer fariña nos últimos restos do caldo, de maneira que os anacos de verdura escura sobre fondo claro dáballes o aspecto da popular ave. Hai uns anos, con motivo da exposición Ao pé do Lar organizada para o Forum Gastronómico en Santiago de Compostela, as papas pegas volveron temporalmente ás cartas dalgúns restaurantes, con gran aceptación por parte do público e a súa desaparición rematada a exposición.

De todas as papas tradicionais da cociña galega (Arrandas, afreitas, millas ou míllaras, trigas, de leite, pegas, meleiras...) as únicas que perduran entre nos son as de arroz, reconvertidas en arroz con leite, denominación que nos aparta da tradición e nos achega á globalización porque ás veces copiamos dos de fóra as receitas que cociñaban as nosas aboas. Así somos!

Más información www.cunqueiro.es