«Nunca me fora chorando para a casa tantas veces coma nestes días pasados»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Belén González Gavino, enfermeira que formou parte do persoal de reforzo na planta covid-19 do Hospital Público da Mariña, en Burela

25 abr 2020 . Actualizado a las 21:47 h.

A enfermeira Belén González Gavino formou parte do persoal de reforzo derivado á planta covid-19 habilitada no Hospital Público da Mariña nas semanas máis complicadas ata o momento, desde o 30 de marzo ata este venres. A pesar de contar cunha traxectoria profesional de máis de vinte anos, esta crise sanitaria viveuna e vívea como unha experiencia «impactante e dura»: «Nunca me fora chorando para a casa tantas veces coma nestes días pasados, días de moita tensión».

Asegura que os protocolos de traballo resultaron un pouco caóticos ao principio, destaca as aportacións de ideas por parte do persoal de enfermería neste proceso e tamén recoñece a dificultade de traballar cos equipos de protección, á vez que destaca a gran e vital importancia destes escudos para os profesionais sanitarios. Nestas semanas viviu momentos de tensión polo estado dalgúns pacientes, pero destaca por encima de todo o apoio do persoal sanitario: «En momentos de catástrofes ou de urxencias o persoal fai unha piña, e tanto botabas man de enfermeiros como de médicos como de limpadores. Deuse moito o traballo en equipo. Entre o persoal arroupámonos moito, pero é certo que notei certa falta de seguridade e de arroupamento por parte da dirección».

Belén González recoñece que tiveron por momentos sobrecarga de traballo e tampouco pasa por alto a mala experiencia dos hospitalizados: «Vimos moitas caras de tristeza, xente que nos pedía que a colléramos da man... Esta enfermidade non é coma outras, que lles permiten aos enfermos ter a compaña de familiares ou de amigos. Nesta, os máis cercanos eramos nós. Funme moitas veces para a miña casa pensando en como pasaría a noite este paciente ou aqueloutro! Para min, que levaba catro anos sen traballar en planta, foron días moi intensos, pero todo o compensa cada logro, cada vez que ves que un paciente se vai de alta. É unha alegría compartida».

«Podes facer o traballo de moitas formas, pero nesta situación concreta, nunhas condicións moi difíciles, viuse a gran parte humana que ten a nosa profesión. Estudei enfermería porque me gusta coidar da xente, porque son unha enfermeira que desfruto máis ao lado do paciente que facendo tarefas de xestión», confesa esta sanitaria que non se atreve a vaticinar canto durará esta situación. Confesa que a nivel provincial e da comarca, e con respecto ás cifras de contaxios, «somos uns privilexiados en relación a outras comunidades, quizais por iso, en moitas ocasións pensei nos meus compañeiros de Madrid, nos de Italia...».

Belén é consciente de que parte do seu traballo tamén é reivindicar material de protección, por ela, polo resto dos sanitarios e polos pacientes, para evitar riscos: «Si teño as proteccións adecuadas, non teño porque ter medo a contaxiarme. É a nosa obriga como sanitarios reclamalas. E non é nengunha broma porque esta situación estanos demostrando que haberá que ser estritos e que haberá que facer labor de educación sanitaria e cambiar hábitos, nos hospitais e fóra. Os epis eran necesarios desde o primeiro momento». Esta enfermeira, coma tantas outras que coidan de nós, confía en que a actual posta en valor do persoal sanitario por parte da cidadanía non se esqueza unha vez superado este episodio.