Do banco das mentiras ó da paciencia

Carlos Nuevo Cal VIVEIRO

A MARIÑA

O antigo banco do Rancho Chico, en Celeiro, nunha imaxe do 25 de xullo de 1973
O antigo banco do Rancho Chico, en Celeiro, nunha imaxe do 25 de xullo de 1973 FOTO CARLOS

Bancos mariñeiros de Viveiro e da Mariña, fontes inesgotables do pasado e do presente

30 jul 2020 . Actualizado a las 14:31 h.

Se facedes unha viaxe polos peiraos do norte mariñán, calquera día enxoito do ano, sen dúbida chamaravos grandemente a atención o feito de ver a unha morea de vellos lobos de mar, reunidos ao redor dun banco de madeira ou pedra, semellante á bancada dos antigos traiñóns, convertido a cotío en centro de reunión e permanente foro de discusión.

A maioría destes bancos mariñáns ou de bocarribeira teñen nome propio: banco das mentiras do Mirasol ribadense, o parladoiro da praia do Torno en San Cibrao, o desaparecido banco da paciencia en Viveiro, o da Papoia e do Rancho Chico en Celeiro…

Do banco da paciencia situado antigamente no popular barrio mariñeiro da Ribeira, deixounos a seguinte testemuña o etnógrafo e investigador Xaquín Lourenzo Fernández, que no seu traballo sobre a Cultura Popular Galega (Tomo II da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedraio), dinos: «En Viveiro había un arbre, que xa desaparecéu, chamado o “arbre da pacencia”, onda o que se puñan os mariñeiros á espreita do “choutar” das tolinas; cando as vían era sinal de que viña o peixe e entón saían bogando até acadal-o banco das sardiñas e faguel-o cerco».

 

Bancos de choiva, brétemas, salseiros e raxeiras. Fieis testemuñas de naufraxios, galernas e traxedias. Fontes inesgotables do pasado e do presente, tesouros continuos de contos e anécdotas, memoria viva de xeracións de indómitos mareantes. Sufridos, contritos e humildosiños bancos mariñeiros, rebuldeiros observatorios meteorolóxicos para a esculca de mareas, ceos e ventos. Atalaia de chegadas e partidas, antonte branca escuma de faluchos, trincados, traiñeiras, laúdes, barlotes, bucetas e remo de couce dos traiñóns, mouro fumear dos vaporciños onte, fero e férreo rebumbio das vacas que sucan o Grand Soleil, hoxe, mañá… Petruciais bancos dos aconteceres do vivir diario, escola prematura de grumetes, boteiros e sogueiróns, retiro forzado de avezados mariñeiros.

Paraninfos engaiolantes de quiméricas e fantásticas andainas por lonxanos e tenebrosos mares, cos que todos os nenos da beiramar soñamos navegar algún día durante a nosa infancia feliz neste Viveiro norte.

 

Carlos Nuevo Cal é cronista oficial de Viveiro