Antón Couto: «Só con adestrar vou estar feliz, aínda que xogue pouco»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE XOVE/LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Farto de lesións e motivado por amizades, o de Fazouro cambia o pavillón e a cor verde do Xove FS pola dos campos de Preferente

13 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mariña perde a un dos seus mellores estilistas nunha cancha de 40x20, pero tamén gaña un xogón disposto a desfrutar nos mellores campos da Preferente Norte. Antón Couto Hermida (Fazouro, 1993) é o protagonista da fichaxe máis abraiante das últimas semanas. Farto de lesións e impulsado polas súas amizades, decidiuse a deixar o fútbol sala, un deporte no que incluso catou o glamour da máxima categoría e foi un referente co Xove en Segunda B. Pásase ao fútbol-11 e únese ao club da loita do Foz, disposto a aportar o seu gran de area nun plantel novo, pero famento, para acadar outra permanencia.

-¿Que o decidiu a facer este cambio?

-Levaba uns cantos anos pensándoo. Teño uns cantos amigos xogando no Foz, tiña gañas de xogar con eles, e eles sempre me dicían que me animase. E ademais levaba varios anos sen atopar continuidade no fútbol sala, con bastantes lesións.

-¿Chamouno primeiro o Foz, ou primeiro decidiu deixar o Xove e despois xurdiu a posibilidade?

-Javi (Chinchón) e Canario levaban tempo dicíndomo, e cando lles dixen que paraba no Xove, Javi xa me dixo que contaba comigo.

-Vaise ter que afacer a tocar menos balón, non?

-Vai ser o máis complicado, é un deporte distinto, pero será cuestión de tempo.

-Chega disposto a asumir galóns?

-Nun principio só pensaba en facer a pretempada e, se me atopaba ben e podía serlles útil, que me fixeran ficha. Pero todo foi moi rápido, quixeron contar comigo si ou si, e agora só penso en aportar todo o que poida. Eu só con adestrar xa vou estar feliz, aínda que xogue pouco ou só algún ratiño. Estarei á disposición do que me pidan.

-En que posición vai xogar?

-Cando estaba na canteira do Foz empecei de dianteiro, pero despois pasáronme á mediapunta e incluso ao mediocentro. Seguro que terei que adaptarme ao que máis necesite o equipo ou onde Javi e Israel pensen que máis útil podo ser para o equipo.

-Cre que no fútbol acusará menos molestias físicas?

-Os últimos anos foron bastante duros. Sufrín algunha escordadura, dúas roturas de peroné, que cada unha supón tres meses parado... Cunha baixa así tempada está perdida case. E encima está o lastre anímico, perdes confianza e desilusiónaste. Necesitaba un cambio e por iso decidín xogar ao fútbol.

-Foron seis anos no Xove, un ascenso e cinco en Segunda B, e ata debutou en Primeira co Pescados Rubén Burela. Tamén se leva bos recordos do fútbol sala, non?

-Si, foron bos tempos. Cheguei ao Burela no primeiro ano de xuvenil. Suso Rey deume uns minutos nun partido de Copa contra o Santiago, e despois con Julio Delgado debutei en Primeira División contra o Barça no Palau. É algo que che queda para sempre. No Xove tamén me sentín moi a gusto, tíñamos un bo bloque e foron uns anos bonitos.

-Agora cambian as cousas. A lóxica invita a pensar que loitarán por manterse en Preferente.

-Si, claro. O único obxectivo vai ser salvar a categoría. Vai ser unha Liga máis pequena, no caso de que se poida xogar, e tamén dura. Traballaremos moito, e oxalá nos salvemos con holgura para desfrutar nas últimas xornadas. Somos un equipo con moitísima xente nova, pero hai bos futbolistas e Javi e Israel están moi capacitados para guiarnos e facer un bo ano.

-Terán que sobrepoñerse ás baixas de Asier e Jacob, que ficharon polo Viveiro para xogar en Terceira.

-Vai ser moi difícil porque seguramente eran dous dos mellores xogadores do plantel. Teremos que adaptarnos a xogar sen eles, pero se traballamos ben estou seguro de que podemos conseguir facelos olvidar entre todos.