O BNG pídelle á Xunta máis orzamentos para A Mariña

s. c. / i. d. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

«Diante da grave situación que atravesa a comarca», din

08 dic 2020 . Actualizado a las 18:25 h.

O BNG da Mariña pídelle á Xunta unha «discriminación positiva» para esta comarca nos orzamentos do 2021, «diante da grave situación que atravesa A Mariña» coa ameaza de peche de Alcoa.

Onte compareceron en rolda de prensa, Ana Ermida, coordinadora comarcal e alcaldesa de Barreiros, e Daniel Castro, parlamentario mariñano. Precisamente Daniel Castro explicou que «nas partidas de investimentos da Xunta A Mariña sae moi mal parada, e tendo en conta o investimento total na provincia, investimento a todas luces tamén escaso, A Mariña non chega a recibir nin o 20% do total, algo que é bastante triste cando a todo o mundo se lle enche a boca decindo que A Mariña representa mais do 33% do PIB na economía provincial, e esa proporcionalidade non se reflicte nestes orzamentos».

«O PP con estas contas convírtenos máis aínda en periferia da periferia, pois o seu deseño de país é concentrar os servizos arredor das grandes cidades, desvertebrando moitas comarcas como é o noso caso e como se víu xa coa eliminación da Área Sanitaria da Mariña e a conseguinte perda de servizos no Hospital».

«É necesaria e urxente unha discriminación positiva para A Mariña, diante da difícil situación que atravesa», insistiron Daniel Castro e Ana Ermida. «Xa neste momento e tamén nos vindeiros anos A Mariña vai ter que enfrentarse a situacións moi difíciles e complexas e vai precisar de moitos medios e investimentos para saír avante, porque os investimentos tamén significan emprego, ese emprego que Feijóo destruíu no seu decenio negro de mandato», afirmaron.

Ana Ermida fixo fincapé na situación de «abandono e esquecemento» á que a Xunta somete a esta comarca con estes orzamentos de igual xeito que o Goberno central fixo cos orzamentos estatais. En temas tan importantes como a intervención de Alcoa, a Xunta ponse de perfil non destinando nada tampouco para ese fin, ou a sanidade unha vez mais, donde deixa de lado a atención primaria», concluíu.