Maruja Mallo, artista universal

carlos nuevo cal ESTE DOMINGO EN VIVEIRO

A MARIÑA

Unha artista total á altura das innovadoras máis sobranceiras do século XX

13 mar 2022 . Actualizado a las 12:30 h.

Houbo un tempo, non moi lonxano, en que a figura de Maruja Mallo permaneceu agochada polo maior dos esquecementos, mais nos últimos anos a súa obra comezou a emerxer con gran forza e orixinalidade, chegando a ser considerada por moitos críticos como unha artista total á altura das innovadoras máis sobranceiras da pintura española e europea do século XX.

Maruja, cuxo nome real era Ana María Manuela Isabel Josefa Gómez González (Viveiro, 1902- Madrid, 1995) é unha creadora referencial cunha personalidade moi ampla e poliédrica, capaz

de utilizar maxistralmente distintos rexistros multidisciplinares: pintora, profesora, ceramista,

escenógrafa, muralista, deseñadora, decoradora ou, mesmo, teórica da arte e innovadora de especial curiosidade universalista, con obras escritas tan significativas como Lo popular en la

plástica española a través de mi obra (1939) e a monografía intitulada Maruja Mallo, publicada

pola editorial Losada en 1942.

A súa obra seguiu unha constante evolución dende a súa formación académica iniciada na Escola de Artes e Oficios de Avilés e continuada na antiga Escola de Pintura, Escultura e Gravado de Madrid (actualmente Real Academia de Belas Artes de San Fernando), onde coincidiu con Dalí, Alfonso Ponce de León, Carmen Ramos, Margarita Manso, Remedios Varó ou Emilio Aladrén, entre outros. Pasou por distintas etapas, dende o realismo máxico das festivas e cromáticas verbenas populares, ás estampas deportivas, cinemáticas, de máquinas e maniquís até o particular surrealismo de Cloacas e campanarios para desembocar da man do seu mestre Torres García na etapa construtiva e simbolista. Os anos de tránsito dende a Ditadura primorriveirista até a proclamación da República foron para a nosa protagonista tempos de aprendizaxe e de constante traballo artístico, influenciada polas vangardas e as distintas relacións que mantivo con algúns membros da Xeración do 27 e da Residencia de Estudantes, principalmente co seu mozo Rafael Alberti.

 

Logo do grande éxito acadado na exposición dos Salóns da Revista de Occidente (1928) e da traumática ruptura amorosa con Alberti, Maruja Mallo viaxaría pensionada a París pola denominada Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, para estudar escenografía.

Na cidade da Luz tamén exporía na prestixiosa Galería Pierre (1932), recibindo os parabéns dos grandes popes do surrealismo francés, André Breton e Paul Éluard, que gabaron amplamente a súa obra. O propio Breton fascinado coa súa pintura, mercoulle o cadro Espantapájaros, mentres Éluard, por falla de medios económicos, tivo que renunciar a adquirir como era o seu desexo, o lenzo Grajo y excrementos. A estadía en Francia sería decisiva tanto polas críticas recibidas, coma polo aprendizaxe na escenografía e os múltiples contactos que tivo con Picasso, Dalí, Jean Cassou, Miró, Aragón, Hans Arp, Péret, Huidobro, Pablo Garrido,

Cotapos, Helena Cid… e sobre todo co pintor uruguaio Joaquín Torres García. De regreso ao Madrid republicano en agosto de 1932, Maruja Mallo colaboraría como ilustradora na Revista de Occidente, exercería como profesora interina de debuxo no instituto de Arévalo (Ávila) dende novembro de 1933 até outubro de 1934 e, finalmente, na Residencia de Señoritas e na Escola de Cerámica de Madrid, con Francisco Álcantara.

Joaquín Torres

Porén, o acontecemento máis importante para a nosa artista sería a chegada a Madrid en decembro de 1932 do pintor e escultor Joaquín Torres García. Maruja Mallo asistiu entusiasmada a algunhas das conferencias que impartiu Torres na capital, pero o fundamental serían as clases que recibiu do mestre do construtivismo e do simbolismo; en adiante Mallo decidiuse a ampliar os seus coñecementos de xeometría, familiarizándose cos manuais de Luca Paccioli e Matila Ghyka. Bebendo das fontes matemáticas comezou a adoptar como base dos seus traballos a sección áurea ou regra do número dourado e os trazados harmónicos preparatorios das súas obras Arquitecturas Minerais, Vexetais, Esqueletos, Estruturas, e Construcións. Ademais, realizou os traballos de escenografía do espectáculo plástico musical Clavileño baseado nun episodio do Quixote cervantino, musicado por Rodolfo Halffter.

Igualmente, preparou e organizou a singular exposición construtiva nos Salóns de ADLAN (1936), que obtivo un grande éxito. Neste período republicano o contacto de Maruja Mallo con María Zambrano, Neruda, Miguel Hernández, Alberto F. Mezquita, Rafael Dieste, Arturo Souto, E. Fernández Granell, Carlos Maside e outros moitos, levouna polo camiño da esquerda e do troskismo. O inicio da guerra civil levaríaa ao exilio de Bos Aires, onde continuaría co seu compromiso político a prol da liberdade e do progreso, ampliando a súa produción a través das series A Relixión do Traballo, Os Retratos Bidimensionais e Raciais, As Máscaras, As Naturezas Vivas, Os Moradores do Vacío e Os Viaxeiros do Éter, esta última de marcado cariz esotérico. En América, acentuou o seu carácter viaxeiro e cosmopolita, expoñendo en Arxentina, Chile, Uruguai, Brasil e Nova York. Regresou do exilio en 1962 e dende entón apenas volveu pintar, finando no Madrid de 1995. Aínda que Mallo e mailo seu irmán Xusto naceron en Viveiro dun xeito circunstancial, pois o seu pai Justo Gómez Mallo veu á nosa vila destinado como administrador da Álfandega durante os anos de 1901-1904, a cidadanía viveiresa debe amosarse orgullosa de poder contar coa artista como a súa filla máis representativa e universal. E que mellor homenaxe pode facerlle Viveiro máis que conservar a súa memoria de xeito permanente mantendo o recordo e mailo legado da súa obra artística.