«O paro do transporte asfixia os barcos grandes, pero aos pequenos mátanos» 

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

José Palmeiro, que ten 54 anos e leva 37 traballando no mar, baixando ó Nazaret e Lucía
José Palmeiro, que ten 54 anos e leva 37 traballando no mar, baixando ó Nazaret e Lucía xaime ramallal

José Palmeiro Ramil, armador, patrón e mariñeiro de baixura de Viveiro, amarrou Nazaret e Lucía ao baixar na lonxa de Celeiro o salmonete de 17 a 5 euros, e a faneca de 2 a 0,15 debido ó paro dos transportistas

19 mar 2022 . Actualizado a las 19:33 h.

O paro do transporte de mercadorías por estrada derivado do fortísimo encarecemento do combustible pola guerra de Ucraína, e que obrigou a suspender esta semana todas as poxas da frota de altura nas lonxas de Celeiro e Burela, está afogando á pesca de baixura, como explica con detalle José Palmeiro Ramil, armador, patrón e mariñeiro que o pasado luns decidiu amarrar o seu barco de artes menores, o Nazaret e Lucía, que ten base no porto celeirense. «O paro do transporte asfixia os barcos grandes, pero aos pequenos mátanos porque ó non haber transporte a capitais como Madrid, Bilbao ou Barcelona non podes vender peixe que aquí case non ten saída, como o salmonete», sinala o mariñeiro.

Deste xeito, os dous portos mariñáns si organizaron estes días poxas de baixura que abasteceron especialmente a peixerías e comercio local, pero os prezos que acadaron as distintas especies nas rulas foron moito máis baixos do habitual. «Se o salmonete vai a 17 euros normalmente, esta semana pasou a 5. E as fanecas baixaron de 2 euros a 15 céntimos. Os panchos de 4 euros a 1 euro, e o curriolo fresco (xarda) de 3 a 0,90. Así non se pode saír ó mar porque estamos pagando unha barbaridade polo gasóleo, ata 1,16 euros hai uns días. E se ademais por enriba non hai transporte, acábannos de arruinar porque o peixe non vai para as grandes cidades, onde teñen grandes restaurantes e grandes soldos», reflexiona este mariñeiro de 54 anos, que leva 37 traballando no mar, e que é bisneto, neto e fillo de mariñeiros. «O mar encántame. Son a cuarta xeración», sorrí un home que empezou no Gran Sol, en Ondarroa. «Foron os mellores anos da miña vida», afirma. No 1987 tivo que ir á mili «obrigado», e ó rematar embarcou no Tojal, un pincheiro de Celeiro, antes de andar «ó rasco» na Coruña. De volta en Viveiro, hai 27 anos, comprou o barco Real Madrid ó que catro anos despois substituíu o Nazaret e Lucía.

Nesta época, finais do inverno, a embarcación de José Ramil, anda á volantilla (arte de enmalle) pescando merluza, salmonete ou faneca. No verán cambia de artes e vai ós percebes (teñen unha acreditación de 8 quilos por persoa) ou ós centolos (acreditación de 35 quilos por persoa). «Na Cofradía de Celeiro podemos pillalos desde a Gabeira (illa próxima á praia da Abrela e ó Fuciño do Porco) ata Punta Roncadoira, en Xove», expón un home que ten un mariñeiro contratado. «Somos dous», indica.

Outro dato que apunta é que a demanda dos mercados é o que marca o prezo sempre. «A demanda é o que fai todo, e non a cantidade. Un luns, por exemplo, pode haber seis barcos do pincho subastando na lonxa e a merluza vai a moi bo prezo aínda que haxa moita cantidade. E o martes, por exemplo, hai un só barco e o prezo vai moi baixo porque o mercado está aínda absorbendo todo o que se vendeu do día anterior. É cuestión de tempos e de sorte», indica.

Unha embarcación tradicional. O Nazaret e Lucía, con base no porto de Celeiro, ten 9 metros de eslora e faena ata un máximo de 10 millas mar adentro.

Capturas. Nesta época do ano anda á volantilla (merluza, salmonete ou faneca). No verán captura percebe, centolo ou miño.

«O momento máis duro foi cando o meu compañeiro José Pigueiras morreu nos percebes afogado»

Nos 37 anos que leva andando ó mar, José Palmeiro Ramil ten gravado un instante que non esquecerá. «O momento máis duro foi, sen dúbida, cando o meu compañeiro José Pigueiras morreu nos percebes afogado. Estabamos os dous xuntos, veu un golpe de mar e a el levouno e eu púidenme agarrar. Foi tremendo», expón sobre un suceso dramático que aconteceu no 2016. De bos momentos recorda, por exemplo, cando en Santoña tivo «moi boas semanas co verdel».

«O mar encántame e pola saúde que teño botaría 10 anos máis, pero estou canso da burocracia»

«O mar encántame e, polo que me gusta e a saúde que teño, botaría nel dez anos máis, pero por culpa da burocracia estou cansado como para coller a xubilación se ma deran mañá», explica José Ramil, á quen lle quedan un par de anos para chegar ó retiro. Na súa opinión, os impostos acaban cun sector que ten sufrido unha importante renovación tecnolóxica nas últimas décadas.

«Por un barco coma o meu tes que pagar o ‘pionai’, que é un seguro por accidentes; o seguro do barco, o da balsa, a radiobaliza, o GMDSS, os chalecos con radiobaliza e luz a revisar todos os anos, o varadero, o atraque, as redes subiron polas nubes... E a todo isto, o peixe vale como hai vinte anos ou menos», razoa un mariñeiro que faena de luns a venres pola mañá. «Iso si que mellorou moito, aí a administración portouse porque antes era continuo, unha escravitude, e agora as fins de semana temos que estar parados porque nos obrigan», recoñece.