Marina Oural: «A faba é unha mestra para min, en todos os sentidos»

y. garcía LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

UGIA PEDREIRA

Dará o pregón da XXX Festa da Faba este sábado ás 12.00 na Praza do Conde Santo de Lourenzá

01 oct 2022 . Actualizado a las 14:51 h.

Cun sorriso, Marina Oural confesa que está no «boceto tres» do seu pregón da XXX Festa da Faba de Lourenzá, que lerá este sábado día 1. «O tema do tempo é algo moi importante na miña forma de traballar _explica_ porque dende sempre na miña vida había que minutar as cousas, e nun evento así tes que facelo ben».

—Chegará ao número 50?

—Quizás si. Mellor. Creo que iso forma parte do que é cultivar. A maioría dos labregos empezan a aterrar, e ata que remate e estea todo ben, pasa o tempo. O que pretendo, como en calquer outro escrito, é adecuarme ao tempo, algo moi importante aquí.

—Ser pregoeira é unha faceta súa nova cara ao público, diferente.

—Totalmente. É a miña primeira vez e única. Téñolle moito respeto ao pregón, porque tamén organicei moitos na miña vida pero como produtora cultural. Neste caso é unha honra. Quen me deu o convite para estar aí foi a alcaldesa, Rocío López, xa no 2020. Estamos a celebrar o 30 aniversario nun destempo curioso...

—Que lembranzas ten da faba?

—A miña teima no pregón é contar a observación directa de nena, e como adulta despois (ata os 18 anos estiven aquí vivindo e logo despois vindo). Digamos que o meu universo xirou sempre en torno ao que comía e ao contraste que supoñía estar degustando esta faba na miña casa en A Coruña e na de meus pais, e o deserto que había despois, pois non era capaz de atopar eses guisos por ningún lado. Era unha xoia. Son afortunada porque nacín cos mestres, meus pais, crieime con eles, e vin a fortuna da horta nas casas. Agora ben, a decisión de amar iso, profundamente, con independendencia da mensaxe, é miña. Decidín amar, moi cedo.

—Evoca moito a cociña «da avoa».

—Forma parte da nosa crianza, pero lévoo presente na acción. Ata puxen unha cociña de leña no meu refuxio de artista que para min é o centro. Meu avó era un experto nas cociñas de leña. Sempre reivindiquei a cociña lenta. Non é o sabor, é a maneira de alimentarte en xeneral, porque o rápido xa fluctúa por todos os lugares. Hai que traballar o outro, tamén implica a escoita profunda.

—A faba é clave nesa cociña lenta pero tamén na innovadora.

—Cando traballei para a promoción e posta en valor da Faba de Lourenzá como responsable de contidos do Centro de Interpretación no seu día, un dos eixes principais era que os cociñeiros e cociñeiras experimentasen a nosa semente, de cara a mesturala con productos de horta, mar e terra. Non olvidemos que en Galicia non había tradición de prato de fabas: había as fabas do caldo e do cocido. A faba é unha mestra para min, en todos os sentidos: estás comendo vida, é moi xenerosa, mestúrase con outros mundos, é traballada, coidada e posta en valor por diferentes xeracións, ten carácter internacional, non é perecedeira e podes gardala, ata podes facer xoias con ela...

—Incluso lle deu un valor artístico.

Por primeira vez foi con Unha faba, unha vida, con Ugia Pedreira. Levamos con esa perfomance 13 anos. Levei ao palco a faba loba, porque hai variedades, outra metáfora. E con Juana de Ibarbourou a faba vulgaris. Ela é a nosa poeta [uruguaia de raíces laurentinas]. É unha ida e volta. As sementes representan tamén as nosas viaxes humanas e a non competencia, que é o eixe.

Marina Oural adianta que no pregón haberá «unha ou dúas sorpresas de diferentes xeracións» e lembra que o domingo ofrecerá Rosas negras con Chefa Alonso, «onde nos centramos na unión entre Rosalía e Juana».