Tiña 14 anos, a piques de cumprir os 15. «Estaba jugando con nosotras a la comba y la llamaron varias veces, pero como ella no hacía caso y seguía jugando vinieron a buscarla para casarse».
Quen mo lembra é a nena; a nena ten xa máis de oitenta anos pero toda a xente segue a chamala coma cando tamén ela tiña 14 anos. A nai da nena era mestra e o pai tamén ensinaba; ambos os dous republicanos e por iso despois foron represaliados e nunca máis se soubo deles.
Quizais por iso á nena lle quedou para sempre ese alcume, porque quedou sen pai e sen nai cando era nena e foi coma se quedase sempre nesa idade de nena.
A miña avoa era nena daquela tamén e xogaba á comba coa que viñeron chamar para casar. Anos despois aquela muller, xa casada, ía á pé ata a praza co paxe na cabeza aínda non ben amencía e así durante moitos anos, media vida. Canda miña avoa. E antes aínda ao estraperlo ou despois ás noites, ambas as dúas xuntas.
Aquela rapaza seica perdeu ao seu marido na guerra poucos anos despois de casar. Por iso quizais as présas por estaren xuntos, por casar con 14 anos, «cuando aún jugaba a la comba», si, como ben lembra a nena. Eran outros os tempos e era outro tamén o tempo dun ou dunha, aínda que agora nos pareza que todo vaia máis á présa.
Aquelas casas están xa en ruína. Poucos saben as historias que agochan nese seu estado de abandono.