O actor Pepe Penabade, a través da asociación Volta e Dálle, impulsa a cultura no Teatro das Cortes en Cabanas, O Vicedo
23 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.En tempos foi a corte na que seus pais coidaron das 10 vacas que había na explotación familiar, pero hoxe é un teatro ó que non lle falta detalle (escenario, patio de butacas-sillas e mesmo un «cortelho-camerín») que aspira a axudar a difundir a cultura e «subir a autoestima» nunha aldea que ten ó redor de 50 habitantes. Esas ideas poden condensar o espírito creativo do Teatro das Cortes, un innovador proxecto cultural impulsado a través da asociación Volta e Dálle polo actor Pepe Penabade (O Vicedo, 1965) no lugar de Xestoso, en Cabanas, a súa terra natal.
En colaboración coa asociación de veciños, a asociación Nordés ou Modelo Burela (Bernardo Penabade), o colectivo ten impulsado xa proxeccións audiovisuais, coloquios e funcións teatrais como a que a pasada fin de semana levou ás táboas o grupo Ollomao, e que se titula Pan con chocolate, ou que en agosto dedicou unha xornada a Barriga Verde, a emblemática barraca das feiras. «Buscamos unha normalización da cultura a través do teatro como ferramenta dinamizadora», explica Penabade, cuxa traxectoria actoral arrincou a mediados dos anos oitenta, cando se mudou a Santiago de Compostela tras facer a mili en Ceuta. Na capital de Galicia, á que segue fortemente vencellado, forxou relacións, traballos e amizades que tamén colaboran con el neste proxecto.
O Teatro das Cortes aspira a ter unha programación cultural estable que o converta nunha referencia dentro da comarca mariñá. «A xente que vén quédase moi sorprendida do que temos montado aquí», explica cun sorriso que mestura o orgullo cas ganas de crear dun actor que foi fundador, entre outros do grupo Os Quinquilláns, e que tamén estivo en Chévere. Nese sentido, Penabade amósase optimista, posto que as actividades organizadas ata o momento sempre congregaron bastante público. De Volta e Dálle forman parte tamén Lucho Penabade, Víctor Mosqueira, Carlos Santiago, Marisa Vázquez e Comba Campoy.
Pepe Penabade, actor: «A aldea terá futuro cando non só sexa rendible para os dos eólicos, os eucaliptos e as velutinas»
Conta Pepe Penabade nun espectáculo que naceu en Cabanas «de parto natural, na casa e cun irmán xemelgo». «A aldea está en decadencia e nós temos un problema de falta de autoestima, de autodio...», explica o impulsor do Teatro das Cortes en relación cun mundo que mamou desde neno e en cuxos valores positivos segue enraízado. «A aldea terá futuro cando non só sexa rendible para os dos eólicos, os eucaliptos e as velutinas. Mentres, é irrecuperable e asociacións como Volta e Dálle fan como as oenegés, un traballo que tería que facer o Estado», expón un home que vén de superar un cancro de larinxe que lle foi detectado mentres representaba Falar po falar. Unha enfermidade «moi fodida» —destaca— especialmente para alguén que emprega a voz como ferramenta de traballo. Ademais de polo teatro, Penabade é moi recoñecido por producións televisivas como Pepe o inglés, Serramoura, Matalobos, Pratos Combinados ou Mareas Vivas. Tamén na curta Fraga. Punto final, da película colectiva Hai que botalos!, realizada trala catástrofe do Prestige, e na que tamén participou Miguel de Lira, outro «amigo de corazón». Logo de formarse como mecánico e electricista en Viveiro, e facer a mili, Penabade mudouse a Santiago, onde traballou anos para a universidade reparando equipamento científico e material de laboratorio. Unha das súas personaxes máis recoñecibles é a do «afiador», coa que realizou unhas 450 actuacións por toda Galicia.