![Actuación desenvolvida por Augas de Galicia no río Landro, en Viveiro](https://img.lavdg.com/sc/QAk2uk-qGBe_Cxu5x3Jlm6kfW0A=/480x/2024/03/17/00121710671822268115325/Foto/X_20240317_113234000.jpg)
Augas de Galicia está realizando rozas puntuais e selectivas, e retirando árbores e pólas caídas, así como madeira morta
17 mar 2024 . Actualizado a las 11:59 h.A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está executando actuacións de conservación e limpeza en tramos interurbanos de tres ríos de Viveiro. Os traballos estanse a desenvolver nos ríos Landro, Loureiro e un innominado, nos seus percorridos por distintas parroquias do municipio. Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 6,3 quilómetros. As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como de madeira morta, para evitar atoamentos. O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos. Unha vez finalizadas estas actuacións, estes tres ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas. Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.