Remedios, veciña de Cabanas (O Vicedo) de 84 anos, estreouse recitando a Rosalía de Castro no concerto de Mini no Teatro das Cortes
A MARIÑA
Durante a celebración do «Sábado das Letras» tamén se proxectou un vídeo sobre as mulleres das Irmandades da Fala
26 may 2024 . Actualizado a las 11:35 h.O Teatro das Cortes, en Cabanas, O Vicedo, viviu este sábado unha xornada especial durante a celebración do «Sábado das Letras», á que asistiron en torno a cen espectadores. Remedios, unha veciña de 84 anos, estreouse sobre o escenario recitando versos de Rosalía de Castro. E fíxoo da man dunha compañeira tamén especial, a de Amelia, unha sobriña que chegou de Bos Aires a A Mariña por primeira vez hai uns días, e que recitou versos de Luz Fandiño, coñecida como «a poeta analfabeta» e falecida recentemente. «Foi moi emotivo», destacou Pepe Penabade, impulsor, a través da asociación Volta e Dálle, desta iniciativa cultural mediante a que transformou unha antiga corte de vacas no lugar de Xestoso nun espazo para axudar a difundir a cultura e «subir a autoestima» nunha aldea de 50 habitantes. Despois da proxección dun vídeo sobre as mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala e do recital poético, o prato forte chegou co concerto que ofreceu o cantautor Mini, membro fundador de Fuxan os ventos ou A Quenlla, e mestre xubilado, coa formación Catro nun zoco, integrada polas súas fillas, as músicas Navia e Iria Rivas, e a violinista Marina Quintillán.
«Vai ser un concerto de música tradicional e música de autor, que é o que levo facendo toda a vida. Intentaremos divertir á xente, que o pase ben, e tamén facela pensar un pouco. A nosa música leva eses dous pousos: por un lado, o da alegría e de compartir; e por outro, o de intentar deixar algunha mensaxe para remoer, cada un como queira, cada un coa dentadura que teña. Pero remoer é interesante sempre», avanzou días atrás en La Voz Mini, que defendeu un futuro para o rural. «O rural necesita unha inxección de forza e de poboación, necesita renovación económica. Mentres o país non se dea conta de que o lóxico é que a cidade se alimente dun rural vivo e dinámico, mentres estea vivindo das importacións e teña abandonadas as súas terras, seguiremos nese impás. Pero eu sigo crendo nun rexurdimento serio e potente do rural. A vida é dureza, pero tamén alegría e esperanza, e a xente do rural sabe moito desas dúas cousas», manifestou.
Exerceu de presentadora a actriz e cantadora Pepa Yáñez.